luns, 30 de novembro de 2015

Comentario dunha cantiga de amor



 

 Se eu podesse desamar
a quen me sempre desamou,
e podess’ algún mal buscar
a quen mi sempre mal buscou!
Assy me vingaria eu,
se eu podesse coyta dar,
a quen mi sempre coyta deu.

Mays sol non posso eu enganar
meu coraçon que m’ enganou,
per quanto mi faz desejar
a quen me nunca desejou.
E per esto non dormio eu,
porque non poss’ eu coita dar
a quen mi sempre coyta deu.

Mays rog’ a Deus que desampar
a quen mh´assy desamparou,
ou que podess´eu destorvar
a quen me sempre destorvou.
E logo dormiria eu,
se eu podesse coyta dar,
a quen mi sempre coyta deu.

Vel que ousass’ en preguntar
a quen me nunca preguntou,
per que me fez en ssy cuydar,
poys ela nunca en min cuydou.
E por esto lazero eu,
porque non poss’ eu coyta dar,
a quen mi sempre coyta deu.
                            PERO DA PONTE

Cantiga pertencente á lírica galego-portuguesa medieval da autoría de Pero da Ponte. Encadrable pola súa temática (amorosa) e pola voz  lírica (masculina ) dentro do xénero das cantigas de amor.  É unha cantiga monologada, xa que non está dirixida a ningún destinatario en concreto (auditorio indeterminado). Destaca especialmente a ausencia da característica marca de xénero: a palabra senhor.

 Dende o punto de vista formal   a cantiga está composta por catro estrofas que constan de cinco versos de corpo de estrofa e un refrán de dous.  O esquema métrico é ababc RR, con rima consonante  e  versos  octosílabos. O refrán presenta unha variación no primeiro dos versos, sendo iguais o das estrofas  primeira e terceira e o da segunda e cuarta. Todo o poema presenta o artificio do mozdobre de maneira constante: desamar- desamou, buscar- buscou, dar- deu…

O tema  pódese concretar no seguinte enunciado: as consecuencias do desamor e o desexo de vinganza.  Destaca a presenza da chamada coita amorosa (e por esto lazero eu), é dicir a mágoa e a pena provocadas por un amor non correspondido. Asemade aparece  a reserva da dama (a quen me sempre desamou), a actitude de desdén e indiferenza coa que a muller trata ao seu pretendente.  Curiosamente  non está presente no texto  a loanza da dama  e hai unha estraña interpretación do  amor do poeta por ela.  Para o falante lírico parece coma se  o feito de estar namorado de tal dama fose unha maldición que este quixese exorcizar. Ademais, semella como se a única satisfacción posíbel ante a desgraza de ter caído nas redes do seu amor fose a vinganza.

O trobador manifesta un estado de desesperación total ante a imposibilidade de lograr a correspondencia do seu amor. En contra do tópico de suplicar á dama que teña compaixón del, o namorado opta por centrar as súas iras na senhor e tentar infrinxirlle tanto dano como ela lle está a infrinxir a el. Ela preséntase como inflexible e totalmente indiferente ao sufrimento do coitado namorado.

A cantiga está construída baseándose no recurso da antítese. Isto reflíctese no procedemento xa sinalado do mozdobre. O nó esencial da composición está na diferenza de comportamentos entre o home e a muller.  Mentres el nos explica a súa constante vasalaxe e submisión á dama, esta non cede nin un chisco ás  súas pretensións.

 Para finalizar a análise do contido, cómpre sinalar a aparición do tópico do insomnio equiparable á loucura ou á morte por amor (consecuencias dun amor ingrato).

Como conclusión, podemos dicir que nos atopamos ante unha composición pertencente ao xénero da cantiga de amor que ten un certo carácter atípico tanto pola orixinal presentación do tema (desamor) como pola propia estrutura (ausencia da palabra senhor).