A pasada noite fóisenos o amigo e admirado Xosé Neira Vilas. Bo e
xeneroso, dos imprescindíbeis. Agora alá onde estea compartirá mesa e
cadeira con Rosalía, Otero Pedrayo ou Castelao. Xa forma parte da
tradición. Dos que ergueron un país desde a distancia cando aquí só
había medo e morte, dos que puxeron Galicia ás costas e construíron, con
orgullo, unha lingua de futuro, e unha terra na que vivir con
dignidade. Neira Vilas púxolle voz aos silenciados, aos asasinados pola
xenreira e o desprezo, aos homes e mulleres do noso rural, os que foron
obrigados a ir á guerra e os que non tiveron máis opción que a
emigración. Tantas veces esquecidos, tantas veces ocultados.
Foi un galego de sentimento e de nación. O noso embaixador cando eramos
terra comesta polos lobos. Desde a súa editorial e distribuidora de
libros galegos en Buenos Aires con Anisia Miranda, Follas Novas e
a súa militancia nas Mocedades Galeguistas; os seus anos en Cuba da man
de Alejo Carpentier, Nicolás Guillén ou do propio Che Guevara onde, nas
súas palabras, "deprendín e exercín fraternalmente a modestia, a
solidariedade e o internacionalismo"; até o Neira incansábel dos últimos
anos, percorrendo o país de arriba a abaixo desde o seu Gres natal,
terra de insuas sobre o Ulla, coa forza necesaria de quen sabe que o
país só se ergue co alento das palabras.
E a súa semente prendeu, non podía ser doutro xeito. Hai persoas que
non marchan nunca, o seu exemplo é hoxe unha luz no camiño, un guieiro.
Balbino reside xa na nosa memoria colectiva e Neira Vilas, como diciamos
ao comezo, é xa parte da tradición. Esa que vén do pasado e que, como
unha enxurrada necesaria, nos permite soñar cun futuro máis noso.
Grazas Neira, estarás sempre con nós.
Artigo extraído do blog de Prolingua