luns, 23 de outubro de 2017

Comentario


       En pé!

   Irmáns! En pé sereos
   a limpa fronte erguida,
   envoltos na brancura
   da luz que cae de riba,
   o corazón aberto
   a toda verba amiga
   e nunha man a fouce
   e noutra man a oliva,
   arredor da bandeira azul e branca,
   arredor da bandeira de Galicia,
   ¡cantémo-lo dereito
   á libre nova vida!
   Validos de traidores
   a noite de Frouseira
   á patria escravizaron
   uns reises de Castela.
   Comestas polo tempo
   xa afrouxan as cadeas...
   ¡Irmáns asoballados
   de xentes estranxeiras,
   ergámo-la bandeira azul e branca!
   E ó pé da enseña da nación galega
   cantémo-lo dereito
   á libertá da Terra!
   ¡Irmáns no amor a Suevia
   de lexendaria historia,
   ¡en pé! ¡En pé dispostos
   a non morrer sen loita!
   ¡O día do Medulio
   con sangue quente e roxa
   mercámo-lo dereito
   á libre, honrada chouza!
  ¡Xa está ó vento a bandeira azul e branca!
   ¡A oliva nunha man, a fouce noutra,
   berremos alto e forte:
   “A nosa terra é nosa”.
                  Da terra asoballada (1917)


  Este poema incluído no libro Da terra asoballada ten como autor a Ramón Cabanillas, escritor que desenvolveu a súa actividade literaria a comezos do século XX. Profundamente influído pola realidade social da época, Cabanillas participou das reivindicacións do agrarismo e das inquedanzas formuladas polas Irmandades da Fala que definiron o primeiro terzo do século. A un dos seus dirixentes (Lois Porteiro) vai dirixida esta composición que é unha chamada de atención á colectividade galega. O ideario nacionalista está presente ao longo dos versos que podemos encadrar na temática cívica ou social. 

Dende o punto de vista formal, o poema consta de 36 versos heptasílabos e hendecasílabos distribuídos en tres estrofas. Presenta rima asonante irregular nos pares quedando libres os impares. Na composición aparece unha significativa abundancia de signos de admiración que podemos relacionar co feito de que presenta o ton dunha arenga (chamada á loita), xa evidente no propio título (En pé) e no apóstrofe inicial (Irmáns!); remarcado polos continuos paralelismos cheos de simbolismos (versos 7 -8: e nunha man a fouce/ e noutra man a oliva; versos 9-10: arredor da bandeira azul e branca/ arredor da bandeira de Galicia) e sintetizados na contundente sentencia final (A nosa terra é nosa). Os elementos simbólicos van dende a mención á bandeira como sinal de identidade (a bandeira azul e branca) ata as referencias á fouce e á oliva (a loita e a paz) que constitúen tamén unha antítese. Os paralelismos contribúen a remarcar a idea de identidade contida nos elementos mencionados. Tamén cómpre resaltar o valor metafórico presente no verso 3: envoltos na brancura/ da luz que cae de riba onde se pon de manifesto a pureza e a transparencia que moven aos galegos. 

En canto ao contido, a voz poética fai un chamamento aos irmáns (fillos de Galicia) animándoos a loitar para defender os seus dereitos e recuperar a súa conciencia como pobo. O tema sería a liberación de Galicia asumida polos propios galegos. Podemos dividir o poema en tres partes atendendo á distribución en estrofas:
-1ª: Chamada á loita e reivindicación do dereito a ter un futuro mellor.
-2ª: O asoballamento sufrido polos galegos ao longo da historia.
-3ª: A reivindicación de épocas gloriosas do noso pasado (suevos, Medulio) e, de novo, o chamamento á loita pola liberdade.
 Son especialmente significativas as referencias a tres momentos relevantes da nosa historia: o primeiro é a mención da Frouseira que era o nome que recibía o castelo do mariscal Pedro Pardo de Cela. Este foi axustizado polos Reis Católicos en 1483 en Mondoñedo como castigo pola súa manifesta oposición e, posteriormente convertido polo pobo en símbolo da resistencia da nobreza galega fronte á castelá. A continuación aparece a mención ao reino suevo, un dos pobos xermánicos establecidos en Galicia entre os séculos V e VI que nos deixaron en herdanza a parroquia como modelo de organización territorial; para rematar, a referencia á batalla do monte Medulio (Século I a.d.c.) onde os galegos, cercados polos invasores romanos, preferiron suicidarse colectivamente antes de caer nas mans do inimigo. As tres mencións históricas aparecen claramente referidas a esa necesidade de procurar no pobo galego uns sinais de identidade co fin de mobilizar a conciencia colectiva. A reivindicación deses momentos históricos esenciais está claramente relacionada coa liña de reafirmación dun pasado que foi glorioso (Medulio, Suevia) pero que tamén sufriu asoballamentos (Frouseira). As ideas de sometemento e escravitude conviven coas de loita e liberdade sentando as bases da necesaria unidade do pobo como coñecedor da súa historia e reivindicador do seu futuro. 

A xeito de conclusión, podemos dicir que Cabanillas recolleu nesta composición o ideario das Irmandades da Fala: a defensa de Galicia, a reivindicación dos seus símbolos (bandeira), a necesidade da loita pacífica (fouce, oliva), o coñecemento da historia (Medulio, Suevia, Frouseira) e, por riba de todo, a necesidade da identificación como colectividade ( A nosa terra é nosa). O autor segue deste xeito a liña de Eduardo Pondal cando se situaba na mítica Galicia poboada polos celtas para conseguir a través da idealización do pasado a concienciación necesaria para superar o presente e avanzar cara a un futuro mellor. O poema é unha especie de himno artellado como unha chamada á colectividade galega para que se sinta orgullosa de selo e para que non esqueza aquilo que a singulariza e define: a identidade.