Do estado da
lingua: algunhas cuestións
Non
sabemos con precisión cal é a situación da lingua galega, se ben moitos
lingüistas e non lingüistas perciben que se trata dunha realidade na que
abundan os signos preocupantes. Existen, porén, observadores que cren que o
estatus real da nosa lingua empeza a ser gratificante. Aducen un argumento que,
segundo eles, é irrebatible: o noso idioma está no Parlamento, na televisión e
no ensino (nunha parcela non desdeñable do ensino). Todo isto –engaden- non
existía na época de Franco nin era posible legalmente naquel sistema. En
efecto, Galicia dispón desde 1978 (o ano da Constitución) dun marco político e
xurídico que endexamais se deu na nosa historia; un marco legal que permite e
propicia a defensa e potenciación do idioma propio de Galicia. Non obstante, en
cuestións idiomáticas –e noutras– as leis, por xenerosas que sexan, non o
deciden todo, especialmente cando as leis están interpretadas e executadas por
políticos, en xeral, non comprometidos co espírito íntimo dalgunhas de esas
leis.
É certo que desde hai anos o noso
idioma está presente na escola, na televisión e no Parlamento, presenzas sen as
cales, na sociedade de hoxe un idioma carecería de futuro importante; pero
cómpre ter moito coidado con presenzas que poden ser un espellismo. Desde 1980
a hoxe un millón, grosso modo, de escolares galegos asistiron, cando menos, a
clases de lingua e literatura galegas; pois ben, esta experiencia, ensimesma
extraordinaria, non ten xerado, entre os rapaces e os adolescentes, máis
falantes de galego, nin máis compromisos. Sen dúbida, é indispensable para a
saúde e o porvir dun idioma a súa presenza en certas instancias e institucións,
pero esta presenza non implica, necesariamente, que ese idioma goce de boa
saúde na vida diaria. A presenza do galego na televisión, no Parlamento e na
escola, signos, por certo moi rechamantes non deberían ser as árbores que nos
impidan ver o bosque. Estou convencido de que en material lingüística sería
suicida non chamar ás cousas polo seu nome. Paga a pena saber(mos) en que mundo
vivimos: en que brutal mundo vivimos.
Xesús Alonso Montero
Políticas
novas para a lingua galega
Ten razón o conselleiro cando di que o problema do galego non é nestes
momentos o seu coñecemento, senón o seu uso nas novas xeracións, que son a
garantía de continuidade. Os modelos urbanos seguen ignorando a lingua, ou
marxinándoa a espazos moi concretos de liturxia e representación, fóra de
círculos militantes e ideoloxizados, e non hai no horizonte deseño político
ningún que afronte o tema. Deseño político, digo ben, pois de política se
trata, o que non quere dicir política partidaria. E falo de modelos urbanos
porque no discurso histórico da modernidade (mesmo da nova modernidade global e
tecnolóxica do século XXI), o modelo urbano é o modelo dominante fronte ao
modelo rural ou tradicional, que aínda sendo moi significativo non é o que
debuxa o futuro.
Espazos urbanos para o galego. Fixen a proba cos meus alumnos e alumnas na facultade, tanto na Facultade de Ciencias da Comunicación como na Facultade de Dereito. No primeiro caso, nos traballos, nas sesións practicas e nas probas finais do cuadrimestre, o 79 por cento dos estudantes (mozos e mozas de 20 anos) utilizaron espontaneamente a lingua para expresarse por oral e por escrito (45 de 57), e fixérono con corrección, cun nivel moi aceptable. No segundo caso, a porcentaxe foi máis igualada.
Certo que o profesor fala galego e transmite a coherencia natural do uso do idioma. Pero a liberdade de elección era absoluta. Certo tamén que estamos en Santiago de Compostela, seguramente a cidade con máis práctica galegofalante entre a xente nova, non só na vida académica, tamén na vida social, cultural, política e mesmo en bastantes lugares de lecer (a zona vella). Cando no ano 68 cheguei por primeira vez a Santiago dende a miña vila do Lérez para estudar Filosofía e Letras, unha cousa que certamente me chamou a atención foi o viva que estaba a lingua na rúa: os camareiros preguntaban en galego con absoluta normalidade, nas casas de comidas e nas pensións as padroas falaban galego e outrosí a xente do común, fóra dos ámbitos de representación oficial. Non digamos os paisanos que viñan todos os xoves a facer a feira a Santa Susana.
«Pois agora tamén», advírtenme os mozos. ¿E logo? Na cafetería da facultade séntese a lingua, pero no discurso urbano e, sobre todo, no discurso da socialización (andar de amores, por exemplo) manda o castelán; que é código da televisión, a lingua do cine, os medios de comunicación de masas, a publicidade, as industrias do lecer, o consumo, a lingua das expectativas profesionais, a lingua do poder real (non a representación litúrxica do poder). Por máis que avanzamos, que en termos cualitativos non podemos negar que avanzamos, non demos virado a tendencia histórica: o discurso dunha modernidade que foi desprazando o idioma ou a territorios de resistencia ou a espazos case que etnográficos, testemuña dun patrimonio valioso que dá a sensación de que non sabemos que facer con el. Aí é onde debemos actuar, e sospeito que aí é onde os mozos e as mozas como os da miña clase esperan tamén que actuemos.

Víctor F. Freixanes: Vento nas velas en A Voz de Galicia
(05/02/2017)
O galego reduce o seu número de falantes, tanto no
rural como nas idades máis avanzadas, onde é a opción prioritaria
Toni Cantó aproveitou a súa intervención no Congreso dos Deputados para
lamentar a extinción do castelán «en
lugares como Cataluña, Baleares, la Comunidad Valenciana, el País Vasco o
Galicia». «Yo creo que
nadie lo puede negar aquí», engadiu. As verbas do deputado de Ciudadanos, que
pediu retirar o requisito de
coñecer a lingua cooficial nas comunidades bilingües para acceder a un emprego
público, deu co rexeitamento dos grupos parlamentarios e xerou polémica
nas redes sociais. O ex actor mantivo o discurso na súa conta de Twitter,
compartindo varios artigos sobre a «imposición» que observa en detrimento
do castelán en Baleares
ou na Comunidade Valenciana.
Non así en Galicia, onde os datos do uso do idioma na comunidade derruban a
categórica aserción do deputado. O
galego mantén unha perda constante de falantes como lingua prioritaria. Segundo os últimos datos do
Instituto Galego de Estatística, un 51 % da poboación emprega o
galego antes que o castelán, lonxe do 61,2 % da década anterior.
O declive cobra especial relevancia
nas cidades. As persoas que din empregar «sempre o galego» nas
sete grandes urbes sitúase por debaixo do 34 % (marcado por Ourense), chegando
ao mínimo rexistro en Ferrol, onde só un de cada dez habitantes
responderon con esta opción na enquisa estrutural a fogares.
Naqueles concellos con máis de 50.000 habitantes, só un 13 % din empregar
este idioma no seu día a día exclusivamente, dous puntos porcentuais menos que
no 2003. Malia a súa hexemonía nos municipios con menos de 10.000
habitantes, o galego sufriu un severo
retroceso durante a última década. Sete de cada dez enquisados hai
quince anos dicían falar sempre nesta lingua. Os últimos datos
dispoñíbeis, do 2013, rebaixan en máis de vinte puntos esta preferencia.
Atendendo á distribución
do uso do galego por concellos, obsérvanse varias rexións con maior
presenza do idioma como opción prioritaria. Na provincia da Coruña, a comarca
de Bergantiños e os municipios da Costa
da Morte presentan niveis por riba do 90 %. O mesmo no interior de
Ourense e a zona oriental de Lugo, mentres que en Pontevedra as porcentaxes son
máis baixas en toda a provincia agás nas comarcas do Deza ou Tabeirós.
As contornas das grandes urbes tamén presentan valores inferiores á media,
especialmente nas áreas metropolitanas de Vigo, A Coruña, Ourense e Ferrol. No
caso de Santiago de Compostela, os municipios que delimitan ao norte teñen
maiores porcentaxes de galegofalantes ca os do sur, con perfís de poboación
máis urbanos.
Parte desa perda de falantes reside
no propio fogar. No apartado sobre a lingua que transmiten os pais
aos seus fillos, a opción de aprenderlles só en galego caeu catorce
puntos nunha década. Mentres, cada vez foron máis as familias que decidiron
empregar só o castelán con eles. Tamén medrou a categoría de outras situacións,
onde se inclúe linguaxe de signos ou outros idiomas.
Outro espazo no que o galego perde o seu uso é nas aulas. No 2013, un 18 % dos menores de 14 anos dicían aprender
só neste idioma, fronte ao 32,4 % que respondían así dez anos atrás.
Esta preferencia resérvase de forma maioritaria nas persoas de 65 anos ou máis.
Xusto un día despois de que Toni Cantó anunciara a
desaparición do castelán en Galicia, a Real Academia Galega e o
Concello de Ames
presentaron un
informe sobre a crise de transmisión da lingua galega na escola.
Tomaron coma laboratorio o CEIP Agro do Muíño, onde observaron o «proceso de
mudanza lingüística». Os autores sinalan no estudo que este colexio é «un claro exemplo do desprazamento do galego
polo castelán que está a suceder no periurbano de Galicia». Unha
das conclusións amosa a substitución do español polo galego como
lingua vehicular entre os máis pequenos. Neste colexio, un 40 % dos nenos que
aprenderon a falar en galego acaban desprazando esta lingua polo castelán na
súa vida cotiá.
La Voz de Galicia (29-09-2018)