Páxinas

martes, 23 de outubro de 2018

Tres reflexións sobre a situación da lingua


Do estado da lingua: algunhas cuestións

      Non sabemos con precisión cal é a situación da lingua galega, se ben moitos lingüistas e non lingüistas perciben que se trata dunha realidade na que abundan os signos preocupantes. Existen, porén, observadores que cren que o estatus real da nosa lingua empeza a ser gratificante. Aducen un argumento que, segundo eles, é irrebatible: o noso idioma está no Parlamento, na televisión e no ensino (nunha parcela non desdeñable do ensino). Todo isto –engaden- non existía na época de Franco nin era posible legalmente naquel sistema. En efecto, Galicia dispón desde 1978 (o ano da Constitución) dun marco político e xurídico que endexamais se deu na nosa historia; un marco legal que permite e propicia a defensa e potenciación do idioma propio de Galicia. Non obstante, en cuestións idiomáticas –e noutras– as leis, por xenerosas que sexan, non o deciden todo, especialmente cando as leis están interpretadas e executadas por políticos, en xeral, non comprometidos co espírito íntimo dalgunhas de esas leis.
     É certo que desde hai anos o noso idioma está presente na escola, na televisión e no Parlamento, presenzas sen as cales, na sociedade de hoxe un idioma carecería de futuro importante; pero cómpre ter moito coidado con presenzas que poden ser un espellismo. Desde 1980 a hoxe un millón, grosso modo, de escolares galegos asistiron, cando menos, a clases de lingua e literatura galegas; pois ben, esta experiencia, ensimesma extraordinaria, non ten xerado, entre os rapaces e os adolescentes, máis falantes de galego, nin máis compromisos. Sen dúbida, é indispensable para a saúde e o porvir dun idioma a súa presenza en certas instancias e institucións, pero esta presenza non implica, necesariamente, que ese idioma goce de boa saúde na vida diaria. A presenza do galego na televisión, no Parlamento e na escola, signos, por certo moi rechamantes non deberían ser as árbores que nos impidan ver o bosque. Estou convencido de que en material lingüística sería suicida non chamar ás cousas polo seu nome. Paga a pena saber(mos) en que mundo vivimos: en que brutal mundo vivimos.
                                                                                                                                                                                       Xesús Alonso Montero


Políticas novas para a lingua galega

     Ten razón o conselleiro cando di que o problema do galego non é nestes momentos o seu coñecemento, senón o seu uso nas novas xeracións, que son a garantía de continuidade. Os modelos urbanos seguen ignorando a lingua, ou marxinándoa a espazos moi concretos de liturxia e representación, fóra de círculos militantes e ideoloxizados, e non hai no horizonte deseño político ningún que afronte o tema. Deseño político, digo ben, pois de política se trata, o que non quere dicir política partidaria. E falo de modelos urbanos porque no discurso histórico da modernidade (mesmo da nova modernidade global e tecnolóxica do século XXI), o modelo urbano é o modelo dominante fronte ao modelo rural ou tradicional, que aínda sendo moi significativo non é o que debuxa o futuro.
     Espazos urbanos para o galego. Fixen a proba cos meus alumnos e alumnas na facultade, tanto na Facultade de Ciencias da Comunicación como na Facultade de Dereito. No primeiro caso, nos traballos, nas sesións practicas e nas probas finais do cuadrimestre, o 79 por cento dos estudantes (mozos e mozas de 20 anos) utilizaron espontaneamente a lingua para expresarse por oral e por escrito (45 de 57), e fixérono con corrección, cun nivel moi aceptable. No segundo caso, a porcentaxe foi máis igualada.
     Certo que o profesor fala galego e transmite a coherencia natural do uso do idioma. Pero a liberdade de elección era absoluta. Certo tamén que estamos en Santiago de Compostela, seguramente a cidade con máis práctica galegofalante entre a xente nova, non só na vida académica, tamén na vida social, cultural, política e mesmo en bastantes lugares de lecer (a zona vella). Cando no ano 68 cheguei por primeira vez a Santiago dende a miña vila do Lérez para estudar Filosofía e Letras, unha cousa que certamente me chamou a atención foi o viva que estaba a lingua na rúa: os camareiros preguntaban en galego con absoluta normalidade, nas casas de comidas e nas pensións as padroas falaban galego e outrosí a xente do común, fóra dos ámbitos de representación oficial. Non digamos os paisanos que viñan todos os xoves a facer a feira a Santa Susana.
     «Pois agora tamén», advírtenme os mozos. ¿E logo? Na cafetería da facultade séntese a lingua, pero no discurso urbano e, sobre todo, no discurso da socialización (andar de amores, por exemplo) manda o castelán; que é código da televisión, a lingua do cine, os medios de comunicación de masas, a publicidade, as industrias do lecer, o consumo, a lingua das expectativas profesionais, a lingua do poder real (non a representación litúrxica do poder). Por máis que avanzamos, que en termos cualitativos non podemos negar que avanzamos, non demos virado a tendencia histórica: o discurso dunha modernidade que foi desprazando o idioma ou a territorios de resistencia ou a espazos case que etnográficos, testemuña dun patrimonio valioso que dá a sensación de que non sabemos que facer con el. Aí é onde debemos actuar, e sospeito que aí é onde os mozos e as mozas como os da miña clase esperan tamén que actuemos.
             Víctor F. Freixanes: Vento nas velas en A Voz de Galicia (05/02/2017)


O galego reduce o seu número de falantes, tanto no rural como nas idades máis avanzadas, onde é a opción prioritaria

      Toni Cantó aproveitou a súa intervención no Congreso dos Deputados para lamentar a extinción do castelán «en lugares como Cataluña, Baleares, la Comunidad Valenciana, el País Vasco o Galicia». «Yo creo que nadie lo puede negar aquí», engadiu. As verbas do deputado de Ciudadanos, que pediu retirar o requisito de coñecer a lingua cooficial nas comunidades bilingües para acceder a un emprego público, deu co rexeitamento dos grupos parlamentarios e xerou polémica nas redes sociais. O ex actor mantivo o discurso na súa conta de Twitter, compartindo varios artigos sobre a «imposición» que observa en detrimento do castelán en Baleares ou na Comunidade Valenciana.
Non así en Galicia, onde os datos do uso do idioma na comunidade derruban a categórica aserción do deputado. O galego mantén unha perda constante de falantes como lingua prioritaria. Segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística, un 51 % da poboación emprega o galego antes que o castelán, lonxe do 61,2 % da década anterior.
      O declive cobra especial relevancia nas cidades. As persoas que din empregar «sempre o galego» nas sete grandes urbes sitúase por debaixo do 34 % (marcado por Ourense), chegando ao mínimo rexistro en Ferrol, onde só un de cada dez habitantes responderon con esta opción na enquisa estrutural a fogares.  
     Naqueles concellos con máis de 50.000 habitantes, só un 13 % din empregar este idioma no seu día a día exclusivamente, dous puntos porcentuais menos que no 2003. Malia a súa hexemonía nos municipios con menos de 10.000 habitantes, o galego sufriu un severo retroceso durante a última década. Sete de cada dez enquisados hai quince anos dicían falar sempre nesta lingua. Os últimos datos dispoñíbeis, do 2013, rebaixan en máis de vinte puntos esta preferencia.
Atendendo á distribución do uso do galego por concellos, obsérvanse varias rexións con maior presenza do idioma como opción prioritaria. Na provincia da Coruña, a comarca de Bergantiños e os municipios da Costa da Morte presentan niveis por riba do 90 %. O mesmo no interior de Ourense e a zona oriental de Lugo, mentres que en Pontevedra as porcentaxes son máis baixas en toda a provincia agás nas comarcas do Deza ou Tabeirós.
     As contornas das grandes urbes tamén presentan valores inferiores á media, especialmente nas áreas metropolitanas de Vigo, A Coruña, Ourense e Ferrol. No caso de Santiago de Compostela, os municipios que delimitan ao norte teñen maiores porcentaxes de galegofalantes ca os do sur, con perfís de poboación máis urbanos.
     Parte desa perda de falantes reside no propio fogar. No apartado sobre a lingua que transmiten os pais aos seus fillos, a opción de aprenderlles só en galego caeu catorce puntos nunha década. Mentres, cada vez foron máis as familias que decidiron empregar só o castelán con eles. Tamén medrou a categoría de outras situacións, onde se inclúe linguaxe de signos ou outros idiomas.
     Outro espazo no que o galego perde o seu uso é nas aulas. No 2013, un 18 % dos menores de 14 anos dicían aprender só neste idioma, fronte ao 32,4 % que respondían así dez anos atrás. Esta preferencia resérvase de forma maioritaria nas persoas de 65 anos ou máis.
Xusto un día despois de que Toni Cantó anunciara a desaparición do castelán en Galicia, a Real Academia Galega e o Concello de Ames presentaron un informe sobre a crise de transmisión da lingua galega na escola. Tomaron coma laboratorio o CEIP Agro do Muíño, onde observaron o «proceso de mudanza lingüística». Os autores sinalan no estudo que este colexio é «un claro exemplo do desprazamento do galego polo castelán que está a suceder no periurbano de Galicia». Unha das conclusións amosa a substitución do español polo galego como lingua vehicular entre os máis pequenos. Neste colexio, un 40 % dos nenos que aprenderon a falar en galego acaban desprazando esta lingua polo castelán na súa vida cotiá.
                                                                                           La Voz de Galicia (29-09-2018)