Páxinas

mércores, 5 de xuño de 2019

150 anos de Cántiga


     Tal día coma hoxe, o 5  de xuño de 1869,  un poeta galego chamado Manuel Curros Enríquez escribiu un poema que comezaba do seguinte xeito: " No xardín unha noite sentada...". Cando redactou esta composición, á que lle puxo por título "Cántiga", o autor contaba só con dezaoito anos e vivía en Madrid. Anos despois, nunha viaxe a Ourense, o escritor escoitou interpretar o texto que el creara e ao que lle puxera  música un bo amigo seu, o compositor José Castro, Chané.
     Do inmenso éxito e recoñecemento que tivo a composición dá proba o feito de que a voz do pobo  modificou o verso inicial da composición transfomándoo en "Unha noite na eira do trigo" pasando incluso a substituír ao título orixinal. Converteuse, sen dúbida, nunha das cancións máis emblemáticas da cultura galega chegando a traspasar as nosas fronteiras. Unha historia de amor imposible cun pano de fondo de  denuncia  social que consegue que nos traslademos ao século XIX e vivamos a impotencia dos que se viron obrigados a tomar o camiño da emigración.
     Se queredes saber máis sobre a historia deste poema musicado podedes ver o programa No bico un cantar da TVG  neste enlace.