sábado, 19 de outubro de 2019

O Xénero. Formación do feminino (rematados en -n)


  O XÉNERO

En galego, algunhas palabras presentan confusión con respecto ao xénero, debido, na maior parte dos casos, ás interferencias co castelán. 

Hai palabras rematadas en –o que son de xénero feminino: a dínamo, a foto, a libido, a tribo...; e palabras rematadas en –a que son de xénero masculino: o albará, o diadema, o trauma... 

Os substantivos rematados en –e referidos a seres ou conceptos non sexuados poden ser de xénero masculino ou feminino: o acne, o berce, o dote, a agravante, a árbore, a fraude... 

O mesmo sucede con substantivos non sexuados terminados en consoante: o labor, o mel, o sal, a calor, a cor... 

Hai substantivos que teñen dobre xénero, masculino e feminino. Nalgúns casos, a variación de xénero dá lugar a acepcións distintas: o cal (=óxido de calcio) / a cal (= rego, canle); o terminal (dun ordenador, por ex.) / a terminal (dun aeroporto, por ex.) Noutros, a variación de xénero non comporta diferenzas de acepcións: o fin / a fin. Con todo, esta palabra adoita utilizarse en masculino cando equivale a finalidade (O fin da reunión é chegar a un acordo) e en feminino cando equivale a remate ou termo (A fin de semana vai ser chuviosa). 

As palabras que finalizan en –axe, -ixe ou –uxe teñen, por regra xeral, xénero feminino: a aliaxe, a blindaxe, a drenaxe, a listaxe, a porcentaxe, a reciclaxe, a vertixe, a ferruxe... Excepcións: o garaxe, o traxe, o paxe. A palabra personaxe ten dobre xénero, de xeito que diremos que Andrés é un personaxe importante, mentres que Andrea é unha personaxe importante. 

As palabras rematadas en -me son normalmente masculinas: o costume, o cume, o friame, o legume, o lume, o pesadume, o raizame... Hai dúas excepcións importantes: a servidume e a síndrome (a sida). 

As voces cultas con orixe nos nomes gregos en –sis adoptan a terminación en –se e son todas de xénero feminino: a análise, a antítese, a crise, a diagnose, a dose, a énfase, a esclerose, a paréntese, a tese... 

As voces cultas con orixe nos nomes gregos en –itis e –tis adoptan a terminación en -ite e –te, e son todas de xénero feminino: a amigdalite, a apendicite, a artrite, a bronquite, a cute, a glote, a hepatite... 

As voces cultas con orixe nos nomes gregos en –is adoptan a terminación en –e e son todas de xénero feminino: a acrópole, a epiderme, a metrópole, a necrópole... 

Son masculinos os nomes das letras: o a, o e, o efe, o gue, o eme... 

Cos substantivos femininos que comezan por a- tónico, os determinantes que debemos empregar son tamén femininos, a diferenza do castelán: a acta, a arte, a auga, a aula, a ave... 

Palabras con distinto xénero en castelán e en galego:

Son femininos: a análise, a apocalipse, a arbitraxe, a árbore, a arte, a canle, a énfase, a estrea, a fraude, a fronte, a marxe, a orde, a orixe, a paisaxe, a paréntese, a peaxe, a pube, a ponte,  a suor, a testemuña, a vertixe.

Son masculinos: o cal, o cume, o diadema, o labor, o  leite, o legume, o masacre, o mel, o pesadume, o sal, o sangue, o sinal.


 FORMACIÓN DO FEMININO (Rematados en -n)
 
Os rematados en -án forman o feminino en -á: aldeán – aldeá,  ancián – anciá, artesán – artesá, chan– chá, capitán– capitá, cidadán-cidadá, cirurxián-cirurxiá,   gardián-gardiá, insán-insá, temperán-temperá. Tamén os xentilicios seguen o mesmo procedemento: alemán-alemá, arousán-arousá, arzuán-arzuá,  bergantiñán–bergantiñá, castelán-castelá, catalán-catalá, compostelán-compostelá, ferrolán-ferrolá.

Os  substantivos e adxectivos pexorativos forman o feminino en -ana: lacazán-lacazana, balandrán-balandrana, bocalán-bocalana, burrán-burrana, lerchán-lerchana, mentirán-mentirana, pailán – pailana,  porcallán-porcallana. Son excepcións os seguintes casos: nugallán-nugallá, rufián-rufiá.

Cómpre ter en conta que os cultismos incorporados á lingua con posterioridade á caída do -n- intervocálico presentan para o masculino a terminación -ano e -ana para o feminino. Son exemplos os seguintes: africano, americano, cubano, humano, italiano, lusitano, mahometano, mundano, paisano, profano, provinciano, puritano, republicano, romano, rosaliano, urbano, veterano, xermano...

O único nome  rematado en -én  é invariable: un refén- unha refén.


Os acabados en -ín forman o feminino en -ina, coa excepción de ruín, que é invariable: bailarín -bailarina,  galopín -galopina, malandrín-malandrina.

Os que presentan a terminación -on forman o feminino coa terminación -oa. Son exemplos: anfitrión-anfitrioa, bretón- bretoa, campión-campioa, ladrón-ladroa (ou ladra), león-leoa, patrón-patroa, saxón-saxoa e teutón-teutoa.

Os  substantivos e adxectivos pexorativos rematados en -on forman o feminino en ona. É o caso de: abusón-abusona, acusón-acusona, faltón-faltona, preguntón- preguntona...


Os rematados en -ún non seguen unha norma fixa: os adxectivos cabrún, cervún, vacún forman o feminino patrimonial cabrúa, cervúa, vacúa; común é invariable; a forma euscaldún engade –a: euscalduna.