mércores, 8 de abril de 2020

Sobre as distopías


A estraña realidade que estamos a vivir provocada pola pandemia do coronavirus semella propia dunha película de ciencia-ficción.  Parece como se de súpeto estiveramos inmersos nun mal soño que supera todas as nosas fantasías máis inquietantes.  Esta reflexión colectiva sobre a irrealidade  que se converteu na nosa realidade cotiá relaciónase co concepto de distopía.
Para entendermos a definición de distopía ou realidade distópica cómpre aclarar previamente o significado da palabra utopía.  Esta refírese a un mundo ideal,  unha situación ou sociedade perfecta pero  considerada como un proxecto irrealizable ou imposible de levar a cabo.  É a representación imaxinativa dunha sociedade futura exenta de todo tipo de adversidade ou contrariedade. Ao concepto de utopía oponse o de distopía que se concreta basicamente como unha sociedade onde impera o sufrimento, unha realidade indesexable. Ambas poden relacionarse coa análise de determinadas estruturas sociais nun determinado contexto pero dende perspectivas moi diferentes.  A utopía é a realidade soñada e a distopía a temida.
De onde veñen estes conceptos?
A palabra utopía, que provén do grego e significa literalmente “non hai lugar” foi acuñada por  Tomás Moro, un pensador e teólogo renacentista que describe na súa  obra homónima (Utopía, 1516) unha sociedade idílica e pacífica, unha proxección do Estado ideal. O concepto de utopía aparece normalmente asociado a unha realidade inalcanzable ou imposible de realizar.
O termo distopía tamén denominado antiutopía é bastante máis recente.  O seu significado relaciónase co de “mal lugar”. O primeiro uso coñecido da palabra produciuse nun discurso no Parlamento Británico en 1868.  A primeira ficción distópica apareceu en 1921 cando o autor ruso Yeygeni Zamiatin publica a súa obra Nosotros. Nela presenta unha sociedade privada de liberdades  onde a ciencia e a tecnoloxía están ao servizo do poder que escraviza a humanidade.
As distopías concíbense como avisos límite das actuais convencións sociais e das posibles dexeneracións futuras. Frecuentemente son advertencias sobre os perigos potenciais que poden chegar a presentar certas ideoloxías, condutas ou prácticas como o consumismo, a dependencia tecnolóxica, o avance da robotización... Desde o punto de vista literario son moi comúns dentro do subxénero da ciencia ficcíón.