Páxinas

venres, 1 de maio de 2020

As almas escravas


Poema de Eduardo Pondal pertencente á súa obra Queixumes dos pinos (1886). Pondal representa, xunto con Rosalía e Curros, o renacer da literatura galega producido no século XIX, etapa coñecida como Rexurdimento.

O tema do poema sería o  contraste entre a actitude loitadora do bardo e a inconsciencia das persoas pouco implicadas no futuro da patria.

Dende  o punto de vista formal a composición estrutúrase en catro estrofas que constan de catro versos as tres primeiras e de seis a última. Combínanse os hexasílabos e os decasílabos cunha rima asonante nos pares quedando libres os impares. Respecto aos recursos estilísticos destaca especialmente o emprego dos hipérbatos (mil soños forxando/ que o ánimo agobian; que audaz liberdade/ tan só soña e ama) que destacan as consecuencias ou os referentes das accións antes delas mesmas.  Tamén é salientable o uso constante da adxectivación (escravas, femíneas; molentes, infamantes, brandos, enérxica, ousada...) que enriquece lexicamente o poema outorgándolle unha riqueza de matices para definir as actitudes tanto do bardo como das denominadas almas escravas. A antítese é un recurso presente e relevante ao longo de toda a composición: o comportamento servil e irreflexivo dos primeiros  (femíneas, molentes, infames, muliebres, sedentarios) contrasta coa actitude loitadora e concienciada do bardo  (enérxica, ousada, propósitos férreos). Lingüisticamente destaca o rexistro coidado co emprego de numerosos cultismos (infames, mórbida...) e a ausencia de vulgarismos  e castelanismos.

Respecto á análise do contido podemos atopar varios dos temas recorrentes que constitúen o universo poético pondaliano. O máis significativo é, sen dúbida, o bardismo concretado na presenza do bardo e na exaltación do seu carácter e comportamento. Pondal identifícase coa figura do sacerdote-poeta-adiviño celta coñecedor da sabedoría do pasado e das pautas de comportamento necesarias para superar a escravitude e lograr un futuro glorioso. El é un referente, un modelo a imitar que guiará ao pobo.




Outro dos temas presentes na composición é o machismo e a misoxinia.  Esta concepción da muller minusvalorizada está moi relacionada coa oposición doce-férreo, a  antítese que constitúe a base do poema: os escravos teñen comportamentos molentes, brandos fronte ao bardo que vive pensando na liberdade do seu pobo a  través dos seus propósitos férreos. Nas tres primeiras estrofas describe, a xeito de crítica, a actitude das almas escravas; é dicir, daqueles que non senten como propios os problemas de Galicia e que non se preocupan por mellorar ou transcender a situación de sometemento e escravitude. Na derradeira estrofa do poema céntrase na figura do bardo destacando a súa actitude e o seu grao de implicación coa soñada liberdade que asocia cun futuro glorioso da patria.

 De xeito menos expreso ca os temas anteriores aparece tamén o helenismo: a loanza ao espírito guerreiro aparece implícita no carácter do bardo, posuidor dunha alma decidida, loitadora e consciente de que a loita é a única saída para rematar coa escravitude á que está sometida o pobo. A mención aos ilotas (escravos da antiga cidade grega de Esparta) para referirse aos galegos desleigados da súa cultura e da súa patria exemplifica os referentes que o autor toma como modelo.

Como conclusión, o poema presenta o contraste entre dúas actitudes totalmente diferentes decantándose claramente pola que promove a loita como instrumento para lograr a liberdade e conseguir a superación da situación de escravitude e sometemento.  Chama a atención a presentación da figura do bardo en 3ª persoa a pesar de que é evidente a identificación do eu lírico con el e cos valores que representa.  A chamada á loita e á necesaria implicación do pobo a través da imitación do comportamento do bardo é a clave interpretativa da composición. Os galegos e as galegas temos que deixar atrás o comportamento servil e implicarnos na loita colectiva necesaria para a liberación da nosa patria.