Páxinas

domingo, 31 de xaneiro de 2021

Mulleres para a historia: Lolita Díaz Baliño

 

 Nada na Coruña e criada nunha familia de artistas, destacou dende moi nova na fotografía e na pintura. O seu irmán Camilo Díaz Baliño (pai de Isaac Díaz Pardo) foi  un importante artista gráfico vencellado ao pensamento galeguista, traxicamente  asasinado en 1936.

 

 A súa actividade artística iníciase en 1925 coa colaboración na revista sadense Mariñana. Un ano despois aparece a súa primeira participación na Exposición de arte galega na cidade de Santiago de Compostela, mostra colectiva onde se podían contemplar obras de autores como Francisco Lloréns, Castelao ou o seu irmán Camilo Díaz Baliño, entre moitos outros. Por encargo do Concello de Cesuras confeccionou un pergameo caligráfico inspirado na visita do rei Afonso XIII.  No deseño de libros, carteis de festas, ou revistas de ámbito local  amosou a súa face máis moderna coa art-decó que caracteriza os anos vinte. A temática nacionalista, influída polo pensamento do seu irmán maior, tamén tivo unha significativa presenza na súa obra.

Ademais da súa relevancia como debuxante e acuarelista, cómpre destacar  o seu labor como docente na Escola de Artes e Oficios da cidade herculina e nunha academia privada. Foi recoñecida como integrante da Real Academia Galega de Belas Artes dende o ano 1938  ao mesmo tempo que Carmen Corredoyra, converténdose así nas  primeiras mulleres en acadar o ingreso nesta institución.

Lolita Díaz Baliño (1905-1963) foi unha muller adiantada ao seu tempo, unha pioneira na presenza feminina no mundo das artes. Este ano dedícaselle o Día da Ilustración.