mércores, 19 de maio de 2021

"Na chegada a Ourense da primeira locomotora"

 

 Poema incluído na obra Aires da miña terra de Curros Enríquez, autor do Rexurdimento (século XIX). Esta composición pertence ao xénero da lírica e dentro desta,  á liña social ou cívica. O tema é un canto ao progreso e unha crítica á Igrexa como institución. A chegada a Ourense da primeira locomotora sérvelle ao eu lírico como pretexto para facer unha loanza da máquina e do progreso e unha crítica da relixión e da Igrexa que asocia co atraso, a ignorancia e o fanatismo. A  catedral é vista como un símbolo dos enganos que os membros do clero  exercen sobre o pobo coas súas mensaxes enganosas que só buscaban o  beneficio propio. 

 En canto á estrutura  o poema  pódese  dividir en tres partes: na primeira ( versos 1-12) aparece unha voz poética en terceira persoa que nos conta a chegada da locomotora  e a relevancia dese acontecemento. Compárase este feito cun milagre. Sería como unha especie de introdución.  Na segunda (versos 13- 24)  ponse de manifesto o contraste entre a igrexa, que ten unha consideración negativa e é asociada co atraso,  e o progreso claramente representado pola  chegada da locomotora, que é percibida como unha festa.  A  catedral, símbolo do poder relixioso, é a pedra impasible ante as desigualdades sociais. Na terceira parte  (versos 25-30), que funciona como un desenlace ou conclusión, solicítalle ao río que sacie a sede do tren (que pode significar a necesidade do progreso que ten o pobo galego) e presenta un novo símbolo relixioso (“bon samaritano”)  utilizado polo autor para deixar constancia da importancia da máquina en contraste coa relixión. Chama a atención o uso do imperativo para dirixirse tanto ao pobo, como á catedral, ao río  e  ao samaritano.

Ademais da voz poética aparecen outros personaxes:

- Os mozos e  vellos  convocados para asistir ao acontecemento,  que representan ao pobo.

- Os abades e cregos que non acompañan á locomotora e, polo tanto, ao progreso; son os representantes da Igrexa e da intolerancia desta.

- A catedral, símbolo e emblema da relixión e do poder exercido por esta institución.

- A propia locomotora que fai referencia á modernidade e a un futuro esperanzador e libre de relixión e fanatismos.

- O bo samaritano que debe  recoñecer que o poder do progreso: “ a máquina é o Cristo dos tempos modernos”.

 Dende  o punto de vista formal o poema, que consta de 32 versos, está dividido en  dúas partes compostas por catro estrofas de catro versos cada unha. As estrofas impares son de arte maior predominando os decasílabos alternando cos dodecasílabos; as impares son de arte menor presentando unha métrica hexasílaba. O esquema de rima é igual ao longo de toda a composición: riman os pares en asonante e quedan soltos os impares. Sería, polo tanto : -A-A para as estrofas impares e –a – a para as pares.

Os recursos de estilo que aparecen no poema son anáfora e paralelismo (versos 1 e 9:  “Vela aí vén…) e comparación  (verso 11: “que parece unha Nosa Señora”) Tamén hai que sinalar personificacións referidas á locomotora e á catedral. Á primeira  atribúenselle capacidades inclusive milagreiras comparándoa coa Virxe e á segunda reclámaselle que repenique as campás como mostra de alegría. Ademais o eu lírico diríxese a elas como se puidesen escoitalo e comprendelo, co cal faise máis clara a personificación.  É destacable a metáfora  referida á luz (verso 16)  que se pode asociar coa esperanza, coa verdade e o coñecemento. Con respecto ao rexistro de lingua empregado, é coloquial. Aparece algún castelanismo como “campanas” ou vulgarismos como “frolecen”.

 Como conclusión, podemos dicir que Curros Enríquez  amosa neste poema o seu compromiso coa sociedade e a súa loita contra as inxustizas. Tamén está moi presente no texto o seu anticlericalismo e a súa defensa do progreso . El é moi consciente de que moitos dos males da sociedade galega do século XIX teñen a súa orixe nas desigualdades sociais promovidas e favorecidas polos estamentos eclesiásticos. A chegada da locomotora é un símbolo da sociedade que el desexa e os elementos relixiosos son postos como exemplo de todo o que rexeita. O autor considera que a máquina, como representante do progreso, debe ser seguida pola xente coma se fose un guía espiritual.