A
antiga festividade céltica do Samaín foi habitualmente descrita como unha comuñón cos espíritos dos defuntos que, especialmente nas datas do 31 de outubro
ó 1 de novembro, terían autorización para camiñar entre os vivos.
Abríanse as portas entre este mundo e alén, dándolle á xente a posibilidade de
reunirse cos seus antepasados mortos.
Os
celtas celebraban co Samaín o paso do ano, a fin do tempo das colleitas e, con
el do ano vello, e o comezo do inverno e, con el, do ano novo. Igualmente, o
Samaín era o momento no que as ánimas
dos mortos retornaban ás súas casas para visitar os familiares aínda vivos.
Nesta visita aproveitaban para buscar alimento e quentarse co lume da lareira,
polo que era costume deixar o lume aceso nesta noite e nunca varrer a lareira
para non afastar as ánimas; por veces tamén se deixaba unha cadeira baleira, co
seu servizo de comida e bebida, para que as ánimas se achegasen á mesa
familiar.
Coincidía
así, nesta noite do 31 de outubro ó 1º de novembro, a festa do paso dun ano a
outro, co momento da apertura ás ánimas do outro mundo.
Afírmase
que polo Samaín era costume baleirar nabos
de gran tamaño para pórlles dentro candeas, e esta tradición, conservada en Irlanda,
puido ter sido exportada aos Estados
Unidos de América
polos irlandeses coas migracións a este país no século XIX
e comezos do XX. De ser así, a tradición tería continuidade nas
festas de Halloween, do que sería o seu precedente, nunha adaptación
do Samaín na cultura estadounidense, semellante a un Entroido,
na que os nabos foron substituídos por grandes cabazas.
Co paso do tempo, a influencia cultural estadounidense no resto do mundo
conseguiu que o Halloween regresase a Europa para converterse nunha festividade
cada vez máis popular.

A partir da década de 1990, comezou a celebrarse en Galicia o Samaín, mantendo a denominación celta. O profesor Rafael López Loureiro é o principal defensor da tese da galeguidade desta festa. Para el, o costume sobreviviu en Galicia ata épocas relativamente recentes (polo menos ata hai uns 30 anos) en que esmoreceu para converterse, unicamente, nunha celebración do día de Defuntos. Segundo este investigador, a tradición esténdese por toda a antiga xeografía céltica europea. En España, está presente en localidades rurais de Asturias, Aragón, Cantabria, Castela e León ou Madrid. Actualmente son moitas as asociacións culturais e colexios espallados pola xeografía galega que lembran este antigo rito celta.