
Castelao mesturou texto e imaxe. Moitas das súas obras narrativas ían acompañadas de debuxos ilustrativos e inventou un xénero literario: as cousas. Buscaba a aparencia de naturalidade das súas obras, retocaba unha e outra vez e nunca improvisaba. Polo contrario, o seu estilo baseado na claridade eliminaba os adornos innecesarios e avanzaba con fluidez. Para isto botou man dunha sintaxe simple e dun léxico preciso. A coidadosa elaboración formal da súa prosa non levou consigo o descoido do compromiso ético cos seres humanos máis humildes do pobo galego. Foi un artista apreciado polas minorías, xa que todos os lectores podían gozar dos seus textos ao non ser necesaria unha gran formación cultural para entendelos. Castelao é, sen dúbida, a única figura da literatura galega que se achega á forza emblemática de Rosalía de Castro. A diferenza dos membros do Grupo Nós, Castelao nunca se sentiu elitista nin individualista. El é un membro máis do pobo galego e a capacidade de conexión coas clases máis desfavorecidas relaciónase coa súa innata sensibilidade e, como non, coa súa humilde orixe. A análise da realidade realízaa con frecuencia dende a perspectiva humorística non exenta de ironía ou de retranca.
Os temas presentes na narrativa de Castelao son universais e transcendentes. Son produto dunha atenta observación da realidade da cal, como xa indicamos, forma parte o propio autor e niso radica a súa forza e capacidade de comunicación.
É posible destacar unha serie de constantes temáticas que aparecen tanto na súa obra narrativa como na gráfica:
• A morte.
• O amor.
• A defensa da lingua.
• As vivencias da emigración.
• As clases populares (vida mariñeira e labrega).
• As diferenzas entre as clases sociais. O caciquismo.
• A crítica social e a inxustiza.
• Os defectos e as virtudes do pobo galego.