domingo, 15 de decembro de 2019

Un achegamento a Sempre Xonxa


 
O argumento da longametraxe céntrase nas vidas de dous nenos, “Pancho” e “Birutas” que viven placidamente na mesma aldea compartindo xogos e risos con "Xonxa", da que están platonicamente namorados. Un dos rapaces, “Birutas” emprende o camiño da emigración cara a América. Cando regresa, convertido nun home rico, “Xonxa” xa está casada con “Pancho”.

A historia abrangue o período que vai de 1946 ata 1986 e estrutúrase en catro episodios vinculado cada un a unha estación do ano. A primavera corresponde á infancia (anos 40), o verán á puberdade (anos 50), o outono á madurez e á emigración (anos 60-70) e o inverno á vellez e ó retorno (anos 80).

 Os espazos onde se desenvolve a historia lévannos ás Médulas  (León)  e á comarca de Valdeorras (Petín- Ourense), concretamente á aldea de Santa Olaia. Destacan tamén como escenarios a forxa do Compludo (Ponferrada) ou o porto de Vigo. Cómpre salientar que, ao longo das diferentes etapas nas que se desenvolve a trama, un gran castiñeiro solitario  que foi construído en fibra de vidro para a película aparece como testemuña  dos aconteceres nas vidas dos protagonistas.


 
A selección do “casting” foi longa e traballosa.  Despois de buscar por toda Galicia, a personaxe de “ Xonxa” recaeu sobre unha actriz de teatro, Uxía Blanco, que combinaba esa afección co seu traballo como profesora de Historia. No elenco destacan, ademais dos protagonistas Miguel Insua como “Birutas” e  Xabier R. Lourido como “Pancho”,  o autor teatral Roberto Vidal Bolaño  que encarna ao “mestre don Xosé Luís”.  Loles Léon e Aurora Redondo foron as únicas actrices non galegas que participaron no filme.  

 Os temas da película poden ser englobados baixo o plural epígrafe dunha reflexión social, cultural e política sobre a colectividade galega. A vivencia da emigración, os valores do mundo rural, os costumes, as  celebracións, as crenzas... son marco de fondo da historia dun triángulo amoroso.

 A presenza de elementos simbólicos é outro dos piares no que se asenta o intento de descrición da idiosincrasia galega.  A cultura oral representada polos contos e as lendas e o poder da fantasía concretada na procura de tesouros e os desexos de voar, son trazos que se poden encadrar neste apartado. “Caladiño”, personaxe que entronca coa Galicia máxica, lémbranos aos protagonistas dos libros de relatos de Álvaro Cunqueiro onde se facía evidente a  fusión entre realismo e fantasía que nos caracteriza como pobo.


Merece unha especial mención a impresionante escena da experiencia migratoria no peirao de Vigo. Nesta secuencia, na que participaron máis de catrocentos extras, faise patente a través da imaxe a atmosfera de tristura e medo que domina aos pasaxeiros. A cuestión idiomática pon de manifesto a situación diglósica e o desencontro entre os emigrantes (galego falantes) e as esferas do poder representadas polos funcionarios e os gardas que se expresan en castelán. A presenza dos fotógrafos á entrada do peirao deixa testemuña capturando as imaxes dos que emprendían o camiño da incerteza e tentando a través delas estender os vínculos de afecto entre os seres queridos. 

A incorporación á secuencia da famosa fotografía de Manuel Ferrol (que aparece interpretándose a si mesmo), reproducida literalmente a través de fotogramas,  ofrece unha visión desgarrada e conmovedora da crueldade da emigración.

A rodaxe tivo graves problemas de financiamento e viuse interrompida durante meses. Iniciouse no mes de febreiro de 1988 e rematou en xuño de 1989. Curiosamente a dilatada gravación serviu de estímulo para un importante sector do público que se mantivo atento e expectante ao incansable esforzo do director para conseguir os medios para financiar a súa película.

Estreouse no cine Fraga de Vigo o 25 de novembro de 1989 dentro do festival “Cinegalicia”.  A acollida foi impresionante e constituíu o primeiro grande éxito do cinema galego. Ademais de Sempre  Xonxa tamén se estrearon Urxa de Carlos López Piñeiro e Alfredo García Pinal e Continental de Xabier Villaverde. O éxito foi tal que se converteu nun acto de autoafirmación colectiva. Manuel Rivas recollía as súas impresións no xornal El País o día seguinte á proxección “ Cando na noite da clausura, millares de persoas aplaudiron postas en pé a Sempre Xonxa de Chano Piñeiro aplaudían un acto heroico  e protagonizaban,  ¡que carallo!, un auto de fe”.

Máis de 62.000 persoas viron Sempre Xonxa nas salas comerciais. Calcúlase que a proxección da cinta en centros cívicos, asociacións culturais e centros de ensino chegou a sobrepasar os 200.000 espectadores.

Rematamos rendendo homenaxe ao que foi un pioneiro do cinema galego, un creador que soubo poñer de relevo a importancia da lingua, da paisaxe e da nosa historia como pobo a través da súa obra. O punto final a este pequeno achegamento recolle o seu legado tal e como el o transmitiu coas súas propias palabras: “Facer cine en Galicia é posible, facer cine en galego é necesario” (Chano Piñeiro).