martes, 18 de febreiro de 2020

Mulleres para a historia: Isabel Ríos Lazcano


A vida de Isabel Ríos Lazcano  está ligada a Curtis,  localidade na que naceu en 1907 e onde coñeceu ao que sería o seu marido, o  doutor Manuel López Calvelo.  
Isabel Ríos cursou estudos de Perito Mercantil  e aprobou unha oposición ao Ministerio de Facenda. A profesión do seu marido levouna  a residir na illa da Palma  e en Madrid. A implantación da 2ª República mobiliza o  pensamento de Isabel Ríos, que decide afiliarse  ao Partido Comunista en 1934.  Aproveitando unha das  viaxes que realiza a Curtis organiza a primeira célula comunista da bisbarra. Posteriormente, Isabel é trasladada a Lugo e establece  de novo a súa residencia na localidade natal.

En  agosto de 1936   os cónxuxes son detidos e encarcerados de Santiago.  No xuízo son condenados á pena de morte. A execución de Manuel Calvelo prodúcese o 31 de decembro mentres que a Isabel Ríos se lle conmuta a pena pola de reclusión perpetua.  Percorrerá distintos cárceres durante sete anos ata a súa posta en liberdade condicional en 1943.  Trasládase a vivir á cidade da Coruña, pero o incesante acoso policial  provoca a súa marcha  a Bos Aires. Na Arxentina reinicia a súa militancia comunista  chegando a ser unha destacada dirixente. Regresa a España en 1975, uns días antes da morte de Franco. Reincorpórase ao  seu posto no Ministerio de Facenda  en Madrid, cidade onde falece en 1997. A súa vivencia da guerra está recollida no seu libro Testimonio de la Guerra Civil (Edicións do Castro, 1986).