Isabel Zendal Gómez pasou
á historia por formar parte da Real Expedición Filantrópica que
levou a America a vacina da varíola. O remedio para tan grave
enfermidade ía nos corpos de vinte e dous nenos orfos de curta
idade. Partiron dende a Coruña co obxectivo de transportar ao novo
mundo esta importante innovación científica.
Isabel
Zendal naceu no lugar da Agrela (Ordes-A Coruña) en 1773 no seo
dunha familia labrega. Aprendeu a ler e escribir na escola da
parroquia sendo a única nena que asistía ás clases. Con tan só
trece anos faleceulle a súa nai a consecuencia da varíola e viuse
obrigada a marchar á cidade da Coruña para traballar como sirventa.
Aos
20 anos tivo ao seu fillo Benito. Comezou a traballar no Hospital de
Caridade da Coruña, primeiro de axudante e despois co cargo de
reitora. Deixou o seu posto no hospicio para facerse cargo da
selección e coidado dos vinte e dous nenos (entre eles o seu
propio fillo) que levaron nos seus corpos a vacina da varíola a
América. A expedición partiu do porto da Coruña o
30 de novembro de
1803. Isabel Zendal nunca retornou a Galicia; instalouse en México,
lugar onde se valorou a importancia da súa xesta dándolle o seu
nome ao Premio Nacional de Enfermería.
En
1950, a OMS recoñeceu a Isabel Zendal Gómez como a primeira
enfermeira da historia en misión internacional. A historia da súa
vida foi novelada na obra Os
nenos da varíola da
escritora galega María Solar.