Páxinas

mércores, 12 de febreiro de 2020

Mulleres para a historia: Isabel Zendal



 Isabel Zendal Gómez pasou á historia por formar parte da Real Expedición Filantrópica que levou a America a vacina da varíola. O remedio para tan grave enfermidade ía nos corpos de vinte e dous nenos orfos de curta idade. Partiron dende a Coruña co obxectivo de transportar ao novo mundo esta importante innovación científica.
Isabel Zendal naceu no lugar da Agrela (Ordes-A Coruña) en 1773 no seo dunha familia labrega. Aprendeu a ler e escribir na escola da parroquia sendo a única nena que asistía ás clases. Con tan só trece anos faleceulle a súa nai a consecuencia da varíola e viuse obrigada a marchar á cidade da Coruña para traballar como sirventa.
Aos 20 anos tivo ao seu fillo Benito. Comezou a traballar no Hospital de Caridade da Coruña, primeiro de axudante e despois co cargo de reitora. Deixou o seu posto no hospicio para facerse cargo da selección e coidado dos vinte e dous nenos (entre eles o seu propio fillo) que levaron nos seus corpos a vacina da varíola a América. A expedición partiu do porto da Coruña o 30 de novembro de 1803. Isabel Zendal nunca retornou a Galicia; instalouse en México, lugar onde se valorou a importancia da súa xesta dándolle o seu nome ao Premio Nacional de Enfermería.
En 1950, a OMS recoñeceu a Isabel Zendal Gómez como a primeira enfermeira da historia en misión internacional. A historia da súa vida foi novelada na obra Os nenos da varíola da escritora galega María Solar.