Páxinas

martes, 4 de febreiro de 2020

Mulleres para a historia: María Barbeito

 
María Barbeito naceu na Coruña no ano 1880. Educada nun ambiente familiar culto e liberal, era filla do escritor Avelino Barbeito Hermosilla, un fervente admirador de Concepción Arenal. Cursou a carreira de Maxisterio e conseguiu o título de Mestra Superior con tan só 16 anos. Obtivo o número un nas oposicións ao cumprir 21 e elixiu como destino na Coruña a Escola Nacional da Guarda, centro do que foi directora durante máis dunha década. Puxo en marcha numerosas iniciativas de carácter pedagóxico e defendeu a educación en igualdade e os dereitos das mulleres. O prestixio dos seus métodos renovadores era tal que o escritor Federico García Lorca se interesou polo seu traballo e manifestou o desexo de coñecela nunha das súas viaxes a Galicia.

En 1933 accedeu ao cargo de Inspectora, a pesar da oposición de grande parte dos seus colegas. No desempeño desta actividade potenciou os contactos entre os mestres, promoveu a importancia da lectura, introduciu a música e a ximnasia rítmica no ensino e defendeu a presenza da lingua e da literatura galega na escola.

A sublevación de 1936 cortou a súa brillante traxectoria profesional. Acusárona de defender as ideas republicanas, de ser partidaria da coeducación e de facer labor antirrelixioso descoidando a formación moral das súas alumnas. Foi xubilada forzosamente en 1941. Centrouse entón na actividade como escritora: sistematizou o pensamento de Concepción Arenal e traduciu libros do francés. Morreu en 1970.