
Rosalía emprega o galego porque quere
“falar das cousas da nosa terra na nosa lingua”
e a lingua é o vehículo de expresión que recolle a esencia do pobo
que ela quixo retratar e defender. Ela define a lingua galega como
“o doce dialecto do país” (lembremos a baixa consideración
social que se tiña do galego) e é consciente, como dixemos
anteriormente, da innovación e o atrevemento que supón o seu uso.
Pero ela para falar de Galicia ten que facelo en galego, aínda que
se decate de que os campesiños tardarán moito en coñecer os seus
textos.
As razóns polas que manifesta en Follas
novas que non volverá a empregar a lingua
galega parecen moi pouco clarificadoras na súa explicación:
“pagada xa a deuda en que me parecía estar
coa miña terra, difícil é que volva escribir máis versos na
lingua materna”. Para profundar nas causas
temos que falar da incomprensión e do illamento ao que foi sometida
Rosalía por certos sectores da sociedade da época. A causa do
rexeitamento radica no seu atrevemento por ter defendido as clases
populares, por ter usado a lingua galega, por ter denunciado as
inxustizas, por ter atacado aos opresores e, en definitiva, por terse
rebelado contra a orde establecida. Outra razón que se pode
relacionar co abandono do uso da lingua refírese ás complicadas
condicións do mercado editorial capitalista que dificultaría a
publicación de obras tan subversivas e críticas co poder.
Rosalía edita Follas novas co ánimo desacougado. Tenta
quitarlle importancia ideolóxica á súa obra e pretende que pase o
máis desapercibida posíbel. “¡Deixalos
pasar!” di autora referíndose aos seus
versos. Contrasta o ton aparentemente pouco transcendente que quere
darlle á obra coa intensidade emocional dos seus poemas. A
evolución ideolóxica e persoal que sufriu Rosalía dende a
publicación de Cantares
(1863) ata a de Follas
(1880) explicaría esa intención de querer sacarlle carga ideolóxica
e importancia á súa obra cume. Rosalía escribiu o prólogo en
1880, anos despois de compoñer os poemas que integran Follas
novas. Iso explica a evolución experimentada
pola autora condicionada indubidablemente pola hostilidade social
desatada en determinados sectores a raíz da publicación de
Cantares.

Texto completo: Prólogo de Follas novas