Poema incluído na obra Aires da miña terra de Curros Enríquez, autor do Rexurdimento (século XIX). Esta composición pertence ao xénero da lírica e dentro desta, á liña social ou cívica. O tema é un canto ao progreso e unha crítica á Igrexa como institución. A chegada a Ourense da primeira locomotora sérvelle ao eu lírico como pretexto para facer unha loanza da máquina e do progreso e unha crítica da relixión e da Igrexa que asocia co atraso, a ignorancia e o fanatismo. A catedral é vista como un símbolo dos enganos que os membros do clero exercen sobre o pobo coas súas mensaxes enganosas que só buscaban o beneficio propio.
En canto á estrutura o poema pódese
dividir en tres partes: na primeira ( versos 1-12) aparece unha voz
poética en terceira persoa que nos conta a chegada da locomotora e a relevancia dese acontecemento. Compárase este
feito cun milagre. Sería como unha especie de introdución. Na segunda (versos 13- 24) ponse de manifesto o contraste entre a igrexa,
que ten unha consideración negativa e é asociada co atraso, e o progreso claramente representado pola chegada da locomotora, que é percibida como
unha festa. A catedral, símbolo do poder relixioso, é a
pedra impasible ante as desigualdades sociais. Na terceira parte (versos 25-30), que funciona como un
desenlace ou conclusión, solicítalle ao río que sacie a sede do tren (que pode
significar a necesidade do progreso que ten o pobo galego) e presenta un novo
símbolo relixioso (“bon samaritano”) utilizado polo autor para deixar constancia da
importancia da máquina en contraste coa relixión. Chama a atención o uso do
imperativo para dirixirse tanto ao pobo, como á catedral, ao río e ao
samaritano.
Ademais da voz poética aparecen outros personaxes:
- Os mozos e
vellos convocados para asistir ao
acontecemento, que representan ao pobo.
- Os abades e cregos que non acompañan á
locomotora e, polo tanto, ao progreso; son os representantes da Igrexa e da
intolerancia desta.
- A catedral, símbolo e emblema da relixión e do
poder exercido por esta institución.
- A propia locomotora que fai referencia á
modernidade e a un futuro esperanzador e libre de relixión e fanatismos.
- O bo samaritano que debe recoñecer
que o poder do progreso: “ a máquina é o Cristo dos tempos modernos”.
Dende o punto de vista formal o poema, que consta
de 32 versos, está dividido en dúas
partes compostas por catro estrofas de catro versos cada unha. As estrofas
impares son de arte maior predominando os decasílabos alternando cos
dodecasílabos; as impares son de arte menor presentando unha métrica
hexasílaba. O esquema de rima é igual ao longo de toda a composición: riman os
pares en asonante e quedan soltos os impares. Sería, polo tanto : -A-A para as estrofas impares e –a – a para as pares.
Os recursos de estilo que aparecen no poema son anáfora e paralelismo
(versos 1 e 9: “Vela aí vén…) e
comparación (verso 11: “que parece unha
Nosa Señora”) Tamén hai que sinalar personificacións referidas á locomotora e á
catedral. Á primeira atribúenselle
capacidades inclusive milagreiras comparándoa coa Virxe e á segunda
reclámaselle que repenique as campás como mostra de alegría. Ademais o eu lírico
diríxese a elas como se puidesen escoitalo e comprendelo, co cal faise máis
clara a personificación. É destacable a
metáfora referida á luz (verso 16) que se pode asociar coa esperanza, coa verdade
e o coñecemento. Con respecto ao rexistro de lingua empregado, é coloquial.
Aparece algún castelanismo como “campanas” ou vulgarismos como “frolecen”.
Como conclusión, podemos dicir que Curros
Enríquez amosa neste poema o seu
compromiso coa sociedade e a súa loita contra as inxustizas. Tamén está moi
presente no texto o seu anticlericalismo e a súa defensa do progreso . El é moi
consciente de que moitos dos males da sociedade galega do século XIX teñen a
súa orixe nas desigualdades sociais promovidas e favorecidas polos estamentos
eclesiásticos. A chegada da locomotora é un símbolo da sociedade que el desexa e
os elementos relixiosos son postos como exemplo de todo o que rexeita. O autor
considera que a máquina, como representante do progreso, debe ser seguida pola
xente coma se fose un guía espiritual.