Páxinas

martes, 4 de maio de 2021

Mulleres para a historia: Elisa e Marcela

  





María Elisa Carmen Sánchez Loriga (8/9/1862, A Coruña ? )
Marcela Gracia Ibeas (27/6/1867, Burgos - ? )






Marcela e Elisa coñecéronse a mediados da década de 1880 na Escola Normal da Coruña, onde a primeira estudaba para mestra e a segunda, que xa rematara maxisterio, traballaba en labores de administración. Entre elas foise establecendo unha  amizade, que axiña se converteu en amor. Os pais de Marcela fixeron o posible para afastar a súa filla de Elisa, e enviárona a Madrid por algún tempo, mais os seus esforzos resultaron inútiles.

En 1888 inician a súa andaina como mestras en diversas escolas dos concellos de Coristanco, Vimianzo e Dumbría, procurando que os seus destinos estivesen o máis próximos posible. Cando non exercía a profesión, Elisa vivía coa súa amiga e parella, encargándose dos labores domésticos. 

Na primavera de 1901 Marcela fai saber aos veciños o seu propósito de casar cun curmán de Elisa, chamado Mario, que chegaría proximamente a Galicia. Xa na Coruña, Elisa transfórmase en Mario: corta o pelo, viste roupas de home, fuma e cultiva un modesto bigote. Para legalizar a nova identidade, diríxese á igrexa de san Xurxo e confésalle ao párroco, Víctor Cortiella, que era fillo de pai protestante e quería abrazar a fe católica. Este, preocupado pola difusión do protestantismo, acelera os trámites e, aos poucos días, bautízao. Deseguido, Mario arranxa os papeis para a voda, que se celebra o 8 de xuño de 1901.

Animadas polo éxito do seu proxecto, retornan a Dumbría como marido e muller. Pero alí descóbrese o engano. O crego do lugar cualifícaas de sacrílegas e ameaza con entregar a quen fixera de home á Garda Civil. Mario vese obrigado a fuxir de Dumbría e volve á Coruña. Víctor Cortiella, ao se decatar do engano, cítao na reitoral. El insiste na historia inicial, mais ao comprobar que xa non funciona afirma que é hermafrodita, predominando nel o elemento masculino sobre o feminino. Cortiella faino recoñecer por un médico, que certifica a súa condición feminina.

O matrimonio, acurralado polas autoridades, ten que abandonar Galicia e diríxese ao Porto, onde vive tranquilo durante algún tempo. Pero, pouco despois as dúas mulleres son detidas a petición da xustiza coruñesa, que decretara orde de procura e captura por matrimonio ilegal. As autoridades españolas pretendían facerse cargo delas, mais as portuguesas negáronse a entregalas sen unha petición formal de extradición. Foron encarceradas e xulgadas polos delitos cometidos en Portugal, dos que foron absoltas.

A prensa portuguesa, como antes a española, ocupouse delas polo miúdo, debido á enorme expectación que suscitaba o matrimonio sen home. As xentes do Porto apiadáronse das dúas mulleres e ofrecéronlles solidariedade: cartos, axuda no cárcere e solicitude de indulto ao Goberno español. Con todo, o refuxio que ofrecía Portugal tiña data de caducidade, pois fora aceptada a solicitude de extradición. Así que tiveron que fuxir de novo, esta vez con destino a Bos Aires. Marcela ía acompañada da súa filla, nacida no Porto o 6 de xaneiro de 1902.



En Bos Aires traballaron no servizo doméstico pero, como non podían vivir xuntas, en 1904 Elisa decidiu casar cun dinamarqués entrado en anos, facendo pasar a Marcela pola súa irmá e retomando dese xeito a convivencia. O marido, descobre que casou cunha das protagonistas do  chamado matrimonio sen home,  e denúnciaa, alegando, entre outros motivos, que se negaba a consumar o matrimonio. O xuíz, unha vez comprobado por tres médicos que Elisa era muller, decidiu sobreser o caso. A partir de entón, cando o poder deixa de se ocupar delas, pérdeselles a pista e son moitas as hipóteses sobre como remataron os seus días.

Sexa como fose, a súa historia converteuse nun referente da loita pola diversidade sexual e a necesaria visibilización desta realidade. O feito de que  Elisa e Marcela fosen o único matrimonio entre dúas mulleres celebrado na igrexa católica en todo o mundo convérteas nun caso singular que traspasou fronteiras. O matrimonio homosexual  civil será aprobado en España na lei 13/2005  abrindo así a porta ao recoñecemento dos seus dereitos e liberdades.

             
 
Narciso de Gabriel Fernández: Consello da Cultura Galega . Álbum de mulleres (Adaptación)