Marcela Gracia Ibeas (27/6/1867, Burgos - ? )
Marcela e
Elisa coñecéronse a mediados da década de 1880 na Escola Normal da Coruña, onde
a primeira estudaba para mestra e a segunda, que xa rematara maxisterio,
traballaba en labores de administración. Entre elas foise establecendo
unha amizade, que axiña se converteu en
amor. Os pais de Marcela fixeron o posible para afastar a súa filla de Elisa, e
enviárona a Madrid por algún tempo, mais os seus esforzos resultaron inútiles.
En 1888
inician a súa andaina como mestras en diversas escolas dos concellos de
Coristanco, Vimianzo e Dumbría, procurando que os seus destinos estivesen o
máis próximos posible. Cando non exercía a profesión, Elisa vivía coa súa amiga
e parella, encargándose dos labores domésticos.
Na primavera
de 1901 Marcela fai saber aos veciños o seu propósito de casar cun curmán de
Elisa, chamado Mario, que chegaría proximamente a Galicia. Xa na Coruña, Elisa
transfórmase en Mario: corta o pelo, viste roupas de home, fuma e cultiva un
modesto bigote. Para legalizar a nova identidade, diríxese á igrexa de san
Xurxo e confésalle ao párroco, Víctor Cortiella, que era fillo de pai protestante
e quería abrazar a fe católica. Este, preocupado pola difusión do
protestantismo, acelera os trámites e, aos poucos días, bautízao. Deseguido,
Mario arranxa os papeis para a voda, que se celebra o 8 de xuño de 1901.
Animadas polo
éxito do seu proxecto, retornan a Dumbría como marido e muller. Pero alí
descóbrese o engano. O crego do lugar cualifícaas de sacrílegas e ameaza con
entregar a quen fixera de home á Garda Civil. Mario vese obrigado a fuxir de
Dumbría e volve á Coruña. Víctor Cortiella, ao se decatar do engano, cítao na
reitoral. El insiste na historia inicial, mais ao comprobar que xa non funciona
afirma que é hermafrodita, predominando nel o elemento masculino sobre o
feminino. Cortiella faino recoñecer por un médico, que certifica a súa
condición feminina.
A prensa
portuguesa, como antes a española, ocupouse delas polo miúdo, debido á enorme
expectación que suscitaba o matrimonio sen home. As xentes do Porto apiadáronse
das dúas mulleres e ofrecéronlles solidariedade: cartos, axuda no cárcere e solicitude
de indulto ao Goberno español. Con todo, o refuxio que ofrecía Portugal tiña
data de caducidade, pois fora aceptada a solicitude de extradición. Así que
tiveron que fuxir de novo, esta vez con destino a Bos Aires. Marcela ía
acompañada da súa filla, nacida no Porto o 6 de xaneiro de 1902.
En Bos Aires
traballaron no servizo doméstico pero, como non podían vivir xuntas, en 1904
Elisa decidiu casar cun dinamarqués entrado en anos, facendo pasar a Marcela
pola súa irmá e retomando dese xeito a convivencia. O marido, descobre que
casou cunha das protagonistas do chamado
matrimonio sen home, e denúnciaa,
alegando, entre outros motivos, que se negaba a consumar o matrimonio. O xuíz,
unha vez comprobado por tres médicos que Elisa era muller, decidiu sobreser o
caso. A partir de entón, cando o poder deixa de se ocupar delas, pérdeselles a
pista e son moitas as hipóteses sobre como remataron os seus días.
Sexa como
fose, a súa historia converteuse nun referente da loita pola diversidade sexual
e a necesaria visibilización desta realidade. O feito de que Elisa e Marcela fosen o único matrimonio entre
dúas mulleres celebrado na igrexa católica en todo o mundo convérteas nun caso
singular que traspasou fronteiras. O matrimonio homosexual civil será aprobado en España na lei
13/2005 abrindo así a porta ao
recoñecemento dos seus dereitos e liberdades.
Narciso
de Gabriel Fernández: Consello da Cultura Galega . Álbum de mulleres
(Adaptación)