Páxinas

martes, 1 de marzo de 2022

Ficha de lectura: 22 segundos

 22 segundos (novela)

FICHA TÉCNICA



        Autora: Eva Mejuto

       Editorial: Xerais

       Colección. Fóra de xogo

       Ano de publicación: 2019

        140 páxinas

 

 

 

 

CUESTIÓNS PREVIAS     

·         Cal é a diferenza entre sexo e identidade de xénero?

·         Que significan as siglas LGTBI?

·         Como definirías a transexualidade?

·         Coñeces algún caso concreto?

·         Consideras que debe ser unha situación complexa de asumir?

·         Cal cres que debe ser a postura da familia ao respecto?

·         Podes relacionar a portada do libro con ese tema?

 

RESUMO

           

 Xela sentiuse dende moi pequena nun corpo co que non se sentía identificada. Tampouco lle interesaban as mesmas cousas que, habitualmente, lles gustan ás nenas: os vestidos, o cabelo longo, as  bonecas...  Foi medrando asumindo moitas desas imposicións e conseguindo pouco a pouco liberarse delas. Levoulle anos e sufrimentos decatarse da súa realidade e convencer á súa familia. Pero agora xa non é Xela; agora chámase Álex e pronto “sairá do armario”.

 

TEMAS

·         A identidade sexual

·         A  transexualidade

·         A importancia da integración social na adolescencia

·         Os estereotipos de xénero

·         O respecto á diversidade sexual

·         A importancia da familia como apoio esencial na formación da personalidade

 

 

PERSONAXES

XELA- ÁLEX: é unha nena moi sensible e cariñosa que sente que o seu corpo non lle corresponde. Vive coa súa nai e co seu avó, xa que foron abandonadas polo seu pai e non saben nada del. Xela medra asumindo pouco a pouco a súa realidade ata a chegada da adolescencia. A aparición na súa vida de Ana, unha rapaza da súa idade da que se namora, vai ser o detonante da súa transexualidade.

ADELA (nai):  é  unha muller forte que se ve obrigada a asumir a maternidade en solitario  con bastantes dificultades económicas. Conta coa axuda inestimable do seu pai que colabora de xeito activo na educación de  Xela. Tamén recibe axuda económica da avoa paterna de Xela pero non teñen boa relación. Adela tenta que a súa filla teña un aspecto máis feminino do que a nena desexa pero, cando se decata de que a realidade non é esa, apóiaa e axúdaa todo o que pode.

RAMÓN (avó): é un verdadeiro amigo para Xela-Álex. Decátase moito antes que a nai de que a nena se sente un neno. É unha persoa moi intuitiva e sensata. Dáse conta de que non se pode negar a realidade e apoia a Xela dende o comezo axudándolle á súa filla a asumir a identidade sexual da neta.

ANA: é a amiga especial de Xela-Álex. Chegou nova ao pobo e, dende o comezo, iniciaron unha amizade que rematou en amor. É moi comprensiva  e, aínda que ten algunhas dificultades para asumir o cambio de identidade de Xela, remata sendo un piar esencial no proceso.

PROFESORA: a profesora de infantil do protagonista foi sempre unha aliada incondicional. A pesar de que xa non lle dá clase  ofrécelle o seu afecto e sempre é un punto de apoio esencial alentándoa para ser ela mesma, ou mellor dito, el mesmo.

 

COMENTARIO CRÍTICO

 

Cuestións posteriores á lectura susceptibles de  debate:

·         Vocabulario da diversidade sexual: axénero, cisxénero, pansexualidade, transexual, transformista, intersexual...

·          Como cres que se sente unha persoa que non se  sente ben co seu corpo?

·          O proceso de cambio de identidade sexual

Información sobre o procedemento, axuda psicolóxica, idade idónea...

·         Comparación e valoración crítica do comportamento do entorno do protagonista

Análise da actitude da nai, da profesora de infantil coas monxas. Tamén cómpre contrastar  a actitude da avó materno coa da avoa paterna

·         A diversidade sexual e o acoso.

Potenciais obxectivos dos acosadores. O papel da escola (profesorado, orientación)

·         A actitude de respecto e tolerancia coa  diversidade sexual