venres, 8 de abril de 2022

Cinema inclusivo: O que arde

     


 

O que arde

 (Óliver Laxe)

  

 

 

 

SINOPSE: Amador é un home de mediana idade que acaba de cumprir  condena por provocar un incendio. Regresa á súa casa onde vive a súa anciá nai (Benedicta) nunha aldea remota e illada montaña lucense. A acollida sen petición de explicacións por parte da nai contrasta coa actitude dalgúns veciños do pobo que semella moi condicionada polo seu pasado incendiario. O  seu carácter introspectivo e pouco comunicativo condiciona o desenvolvemento dos acontecementos cando se cerne sobre o pobo de novo a lacra do lume destrutor.

  • Título orixinal: O que arde
  • Ano: 2019
  • Duración: 85 minutos
  • Idioma orixinal: Galego
  • Dirección: Oliver Laxe
  • Guión: Oliver Laxe, Santiago Fillol
  • Elenco: Amador Arias, Benedicta Sánchez, Inazio Abrao, Elena Fernández, David de Poso, Álvaro de Bazal
  • Montaxe: Cristóbal Fernández
  • Dirección de arte: Samuel Lema, Curru Garabal
  • Vestiario: Nadia Acimi
  • Son: David Machado, Sergio da Silva, Amanda Villavieja, Xavi Souto
  • Fotografía: Mauro Herce
  • Produtora: varias (España, Francia, Luxemburgo)
  • Distribuidora: NUMAX Distribución
  • Recadación: 564.854,21 € 
  • Espectadores: 104.345

  Palmarés:

·         Cannes 2019 (Premio do Xurado)

·         Premios Goya 2020 ( Dirección de Fotografía e Actriz Revelación)

·         Premios Gaudí 2020 (Mellor Filme Europeo),

·         Sant Jordi 2020 (Mellor Filme Español),

·         Mar del Plata 2019 (Mellor Filme e Guión)

·         Chicago 2019 (Mellor Deseño Sonoro)

·         Tesalónica 2019 (Mellor Filme e Actor)

·         Donostia 2019 (Perlas; Premio San Sebastián-Gipuzkoa Film Comission),

·         Toronto 2019 (Wavelenght)

·         Nova York 2019, Karlovy Vary 2019

 

ANÁLISE DA PELÍCULA

 

PERSONAXES

AMADOR:  expirómano que regresa á casa despois de cumprir condena. Pouco comunicativo  e moi pechado en si mesmo. Semella arrastrar un pasado chea de dor e de sufrimento. Tenta refacer a súa vida iniciando unha relación coa veterinaria pero o seu pasado delituoso destrúe esa posibilidade.

BENEDICTA: unha muller anciá  que vive en contacto coa natureza nun entorno rural e agreste. Acolle ao seu fillo despois de saír do cárcere cunha actitude comprensiva e ausente de reproches. Declárase moi feliz polo regreso de Amador e  preocúpase por el tentando favorecer a súa integración social.

HELENA: é a veterinaria da zona. Coñece a Amador despois de axudarlle a salvar a unha vaca que quedara présa nun regato. En  principio parece iniciar unha amizade con el que arrefriará despois de saber quen é e cales son os seus antecedentes.

 

VECIÑOS: Adoptan unha actitude maioritariamente cautelosa e distante, con contadas excepcións. Algúns búrlanse del e do seu pasado como preso na cadea. A identificación de Amador como pirómano provoca que o sinalen  como o autor previsible do incendio que se produce despois da saída do cárcere.

 

 

TEMAS

  • A convivencia e a integración social
  • Os prexuízos  e estereotipos asociados ás persoas que estiveron no cárcere
  • A presunción de inocencia
  • Os xuízos mediáticos
  • A visibilización das enfermidades mentais
  • A valoración do medio rural e a actitude ecolóxica
  • A importancia da familia como apoio esencial ante as adversidades

 

 ALGUNHAS IDEAS PARA O COMENTARIO CRÍTICO

o    Como cres que se sente unha persoa que se ve prexulgada?

o    O dereito á presunción de inocencia (in dubio, pro reo)

o    As enfermidades psicolóxicas e a integración social

o    A especulación co prezo da madeira e os incendios provocados  

Análise da escena inicial e relación co tema

o    Fai unha valoración crítica do comportamento da contorna do protagonista

Análise da actitude da nai, da  veterinaria e do resto da veciñanza

o    A importancia do medio rural, as agresións e o concepto de  crecemento sostible.