luns, 2 de maio de 2022

Ficha de lectura: A lavandeira de San Simón

A lavandeira de San Simón (álbum ilustrado)

 



 

       Ficha técnica

      Autoras: Eva Mejuto e Bea Gregores

      Editorial: Xerais

     Colección: Pequena Memoria

     Ano de publicación: 2020

     32 páxinas

 

 

CUESTIÓNS PREVIAS:       

·         Que é unha “guerra civil”?

·         Cando comezou a Guerra Civil española? Cantos anos durou? A que bandos enfrontou?

·         Que outros conflitos bélicos producidos ao longo do século XX podes indicar?

·         E na actualidade?

·         Quen decide iniciar unha guerra? Que  motivos cres que poden provocala?

·         Cales son as consecuencias? Quen as sofre?

·         Onde se sitúa a illa de San Simón?

 

RESUMO:

 Galicia, despois da Guerra Civil. Unha meniña chamada Teresa ve cada mércores como a súa nai fai unha travesía en barco ata  á illa de San Simón levando comida e alimentos.  O seu pai está desaparecido dende a guerra, aparentemente emigrado a América.  Nunha ocasión, a nai accede a que a meniña vaia con ela e, no traxecto ata  a illa, coñece a un rapaz chamado Xulio que acompaña á súa nai na visita semanal ao  pai encarcerado. Cando chegan, a meniña descobre a cruel realidade dos presos que sobreviven grazas  á axuda solidaria e desinteresada de mulleres coma a súa nai. Alí asiste tamén a un intento de fuxida  frustrado polos gardas. A viaxe de regreso ao continente evidencia a tristura de Xulio pola separación familiar e o intento de consolo de Teresa asociado á lembranza do seu pai ausente. Iníciase deste xeito unha relación de amizade entre os dous meniños, vítimas inocentes das crueis consecuencias da guerra. Unha amizade que supón unha pequena luz no medio da escuridade.

TEMAS:

·         As consecuencias das guerras

·         A solidariedade cos desfavorecidos

·         A separación familiar

·         A intolerancia ideolóxica

·         A exclusión social

·         O respecto aos dereitos humanos e a liberdade de pensamento

 

PERSONAXES:

TERESA: é unha nena que vive coa súa nai, xa que o seu pai está desaparecido dende o comezo da guerra. A figura paterna está idealizada e, aínda que se lamenta pola ausencia de noticias, lémbrao a través dun libro  co que a agasallou antes de marchar. Parece unha rapaza sensible e alegre, demasiado pequena para ser consciente da cruel realidade que a rodea, aínda que empeza a intuíla. Os valores da solidariedade inculcados a través do exemplo materno son evidentes na súa actitude ante o sufrimento alleo.

NAI: traballa de lavandeira  (“limpando a roupa sucia dos demais”) e  aturando o desprezo social (“eu sei que hai xente que non a mira ben”). Tenta que a súa filla non sexa totalmente consciente da realidade e, en principio, é remisa a que a acompañe na travesía á illa. Tamén evita darlle explicacións sobre o paradoiro do pai. Ten unha actitude de implicación solidaria cos presos e tenta compartir o pouco que ten cos que teñen menos ca ela, quizais un xeito de consolo ao pensar que alguén poida estar facendo o mesmo co seu home.

XULIO: rapaz de curta idade que acompaña á nai a visitar ao seu pai  preso no cárcere. Este foi denunciado pola súa ideoloxía e ameazado de morte pola Garda Civil. A separación do pai e a imposibilidade de que volva con eles á casa provoca unha fonda tristura en Xulio. Semella un rapaz moi  maduro e consciente da  complicada situación familiar. Amosa a súa solidariedade ao gardar para a súa irmá parte do cornecho que Teresa lle dá para consolalo.

 

COMENTARIO CRÍTICO:

·          Máis datos sobre a represión exercida na ditadura franquista e información sobre o libro: http://sansimon.evamejuto.com/

Cuestións posteriores á lectura susceptibles de  debate:

·         Valores transmitidos na obra

Que valores representa o personaxe da nai? Cal é a actitude da filla respecto ao seu traballo? Observas algún tipo de evolución no comportamento da nena?

·         A invisibilidade e a falta de recoñecemento do traballo feminino

Investiga sobre traballos exercidos tradicionalmente pola mulleres na contorna  e sobre o escaso ou nulo recoñecemento social e económico (queixeira, gandeira, xornaleira, ama de cría...)

·         As  terribles consecuencias das guerras: separacións familiares, problemas económicos

Comparación entre  a situación  sufrida na Guerra Civil por moitos meniños e meniñas  filllos de  republicanos que foron levados a Rusia e o actual conflito de Ucraína (Tristes armas de Marina Mayoral)

·         O exiliados,  os refuxiados políticos, os “topos” (referencia ás longametraxes La voz dormida y La trinchera infinita)

·         O réximes totalitarios e a lexitimidade da crueldade

 Relación co nazismo e os chamados “ crimes de guerra”

    A importancia do respecto ás diferenzas ideolóxicas; o diálogo como ferramenta para a paz (relación coa película A lingua das bolboretas)

Reflexión sobre a importancia da educación  e da transmisión en valores como garante da convivencia pacífica

    A literatura como transmisora do coñecemento  e das etapas da historia