A vida de Isabel Ríos Lazcano está
ligada a Curtis, localidade na que naceu en 1907 e onde coñeceu ao que
sería o seu marido, o doutor Manuel López Calvelo.
Isabel Ríos cursou estudos de Perito
Mercantil e aprobou unha oposición ao Ministerio de Facenda. A profesión
do seu marido levouna a residir na illa da Palma e en Madrid. A
implantación da 2ª República mobiliza o pensamento de Isabel Ríos, que
decide afiliarse ao Partido Comunista en 1934. Aproveitando unha
das viaxes que realiza a Curtis organiza a primeira célula comunista da
bisbarra. Posteriormente, Isabel é trasladada a Lugo e establece de novo
a súa residencia na localidade natal.
En agosto de 1936 os cónxuxes son detidos e encarcerados de Santiago. No xuízo son condenados á pena de morte. A execución de Manuel Calvelo prodúcese o 31 de decembro mentres que a Isabel Ríos se lle conmuta a pena pola de reclusión perpetua. Percorrerá distintos cárceres durante sete anos ata a súa posta en liberdade condicional en 1943. Trasládase a vivir á cidade da Coruña, pero o incesante acoso policial provoca a súa marcha a Bos Aires. Na Arxentina reinicia a súa militancia comunista chegando a ser unha destacada dirixente. Regresa a España en 1975, uns días antes da morte de Franco. Reincorpórase ao seu posto no Ministerio de Facenda en Madrid, cidade onde falece en 1997. A súa vivencia da guerra está recollida no seu libro Testimonio de la Guerra Civil (Edicións do Castro, 1986).