Amosando publicacións coa etiqueta Cantigas de amigo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cantigas de amigo. Amosar todas as publicacións

domingo, 26 de novembro de 2017

Comentario dunha cantiga de amigo


Non chegou, madre, o meu amigo,
e hoj'ést'o prazo saído!
     ai, madre, moiro d'amor!

Non chegou, madre o meu amado
e hoj'ést'o prazo passado!
     ai, madre, moiro d'amor!

E hoj'ést'o prazo saído!
Por que mentiu o desmentido?
     ai, madre, moiro d'amor!

E hoj'ést'o prazo passado!
Por que mentiu o perjurado?
     ai, madre, moiro d'amor!

Por que mentiu o desmentido
pesa-mi, pois per si é falido.
     ai, madre, moiro d'amor!

Por que mentiu o perjurado
pesa-mi, pois mentiu a seu grado.
     ai, madre, moiro d'amor.


                          D. Dinís 



Esta composición escrita polo rei  don Dinís é unha cantiga  pertencente á lírica medieval galego-portuguesa. Sabemos que é unha cantiga de amigo porque aparece a palabra amigo, a voz poética é feminina e a temática é amorosa.

Dende o punto de vista formal a composición está dividida en seis estrofas  que constan de dous versos  e un refrán.  Son pareados con rima asonante (a a R) e presentan paralelismo perfecto con leixaprén segundo o seguinte esquema: ABR- A’B’R- BCR- B’C’R- CDR -C’D’R. En canto aos recursos estilísticos, destaca o emprego dunha hipérbole no refrán (moiro de amor) que fai fincapé no estado de desesperación que sofre a namorada.

 Atendendo ao falante lírico podemos dicir que  na cantiga  aparece a voz dunha moza namorada.  Está dirixida á nai, que funciona como confidente da pena  que sente pola ausencia do namorado, dado que este non se presentou á cita que tiñan concertada. O tema é  a tristura producida polo encontro frustrado. Pódense distinguir varias partes na composición e unha certa progresión ou avance narrativo.  Nas dúas primeiras estrofas a amiga cóntalle á  nai que xa pasou o prazo fixado para atoparse co seu amigo e que non se produciu o encontro. Nas dúas seguintes acusa ao amigo de mentirlle e pon en dúbida a súa honestidade (desmentido, perjurado). Finalmente, fai patente o seu malestar criticando duramente ao seu namorado dicindo que mentiu por vontade propia e que cometeu un gran erro xa que el é o único responsable de que non se producira o encontro.  Semella como se a medida que avanza a acción, fose medrando a desesperación da namorada e, por conseguinte, endurecéndose o ton empregado. Na cantiga non aparece ningunha referencia á natureza nin se pode asociar con ningún tipo concreto de ambientación.

Como conclusión, podemos dicir que a cantiga amosa a desesperación e a frustración da amiga ante a imposibilidade de manter un encontro amoroso co seu namorado. Destaca o personaxe da nai, na cal a filla deposita a súa total confianza para manifestarlle a  tristura inicial e o posterior anoxo.  Aínda que o tema da ausencia á cita dos namorados é un tema moi recorrente neste subxénero, esta cantiga presenta como factor de orixinalidade a  dureza con que acusa ao amigo  froito da desolación que a domina.

domingo, 22 de novembro de 2015

GUÍA DE COMENTARIO PARA A CANTIGA DE AMIGO














I Introdución e xustificación do xénero

  • ·         Autor 
  • ·         Época
  • ·         Xénero

II Análise formal

  • ·         Descrición da cantiga (estrofas, número de versos, refrán ou mestría)
  • ·         Métrica
  • ·         Esquema de rima
  • ·         Procedementos de repetición: paralelismo e leixaprén

III Análise do contido

  • ·         Quen  é o falante lírico?
  • ·         A quen se dirixe?
  • ·         Cal é o tema ou temas que aparecen na composición? Indica se son principais ou secundarios
  • ·         Subxéneros
  • ·         Clasificación segundo o modo poético
  • ·         Caracterización dos personaxes
  • ·         A función da natureza
IV Conclusión
 
 Cómpre recoller de xeito resumido as características máis  salientables dos apartados expostos anteriormente. Pódense destacar aqueles aspectos que singularicen a composición (se é o caso) ou remarcar o seu carácter tradicional.
Aínda que a exposición desta guía está estruturada por puntos, o comentario ten que estar redactado, non pode presentarse como un esquema.