Amosando publicacións coa etiqueta 1º Bach b>. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 1º Bach b>. Amosar todas as publicacións
xoves, 17 de novembro de 2022
venres, 1 de maio de 2020
As almas escravas
Poema de Eduardo Pondal pertencente á súa obra Queixumes
dos pinos (1886). Pondal representa, xunto con Rosalía e Curros, o renacer
da literatura galega producido no século XIX, etapa coñecida como Rexurdimento.
O tema do poema
sería o contraste entre a actitude
loitadora do bardo e a inconsciencia das persoas pouco implicadas no futuro da
patria.
Dende o punto
de vista formal a composición estrutúrase en catro estrofas que constan de
catro versos as tres primeiras e de seis a última. Combínanse os hexasílabos e
os decasílabos cunha rima asonante nos pares quedando libres os impares.
Respecto aos recursos estilísticos destaca especialmente o emprego dos hipérbatos
(mil soños forxando/ que o ánimo agobian; que audaz liberdade/ tan só
soña e ama) que destacan as consecuencias ou os referentes das accións
antes delas mesmas. Tamén é
salientable o uso constante da adxectivación
(escravas, femíneas; molentes, infamantes, brandos, enérxica, ousada...) que
enriquece lexicamente o poema outorgándolle unha riqueza de matices para
definir as actitudes tanto do bardo como das denominadas almas escravas. A antítese
é un recurso presente e relevante ao longo de toda a composición: o
comportamento servil e irreflexivo dos primeiros (femíneas, molentes, infames, muliebres,
sedentarios) contrasta coa actitude loitadora e concienciada do bardo (enérxica, ousada, propósitos férreos).
Lingüisticamente destaca o rexistro coidado co emprego de numerosos cultismos (infames,
mórbida...) e a ausencia de vulgarismos
e castelanismos.
Respecto á análise do contido podemos atopar varios
dos temas recorrentes que constitúen o universo poético pondaliano. O máis
significativo é, sen dúbida, o bardismo concretado na presenza do bardo
e na exaltación do seu carácter e comportamento. Pondal identifícase coa figura
do sacerdote-poeta-adiviño celta coñecedor da sabedoría do pasado e das pautas
de comportamento necesarias para superar a escravitude e lograr un futuro
glorioso. El é un referente, un modelo a imitar que guiará ao pobo.
Outro dos temas presentes na composición é o machismo
e a misoxinia. Esta concepción da
muller minusvalorizada está moi relacionada coa oposición doce-férreo, a
antítese que constitúe a base do poema:
os escravos teñen comportamentos molentes, brandos fronte ao bardo que vive
pensando na liberdade do seu pobo a
través dos seus propósitos férreos. Nas tres primeiras estrofas
describe, a xeito de crítica, a actitude das almas escravas; é dicir,
daqueles que non senten como propios os problemas de Galicia e que non se
preocupan por mellorar ou transcender a situación de sometemento e escravitude.
Na derradeira estrofa do poema céntrase na figura do bardo destacando a súa
actitude e o seu grao de implicación coa soñada liberdade que asocia cun futuro
glorioso da patria.
De xeito menos
expreso ca os temas anteriores aparece tamén o helenismo: a loanza ao
espírito guerreiro aparece implícita no carácter do bardo, posuidor dunha alma decidida,
loitadora e consciente de que a loita é a única saída para rematar coa
escravitude á que está sometida o pobo. A mención aos ilotas (escravos da antiga
cidade grega de Esparta) para referirse aos galegos desleigados da súa cultura
e da súa patria exemplifica os referentes que o autor toma como modelo.
Como conclusión, o poema presenta o contraste
entre dúas actitudes totalmente diferentes decantándose claramente pola que
promove a loita como instrumento para lograr a liberdade e conseguir a
superación da situación de escravitude e sometemento. Chama a atención a presentación da figura do
bardo en 3ª persoa a pesar de que é evidente a identificación do eu lírico con
el e cos valores que representa. A
chamada á loita e á necesaria implicación do pobo a través da imitación do
comportamento do bardo é a clave interpretativa da composición. Os galegos e as
galegas temos que deixar atrás o comportamento servil e implicarnos na loita
colectiva necesaria para a liberación da nosa patria.
martes, 14 de abril de 2020
Eduardo Pondal
A Fundación Eduardo Pondal achéganos unha interesante ilustración sobre a vida e obra do autor:
luns, 30 de marzo de 2020
"Cando penso que te fuches"
Velaquí as interpretación do
alumnado de 1º de bacharelato sobre un dos poemas máis coñecidos e controvertidos de Rosalía de Castro: “Cando
penso que te fuches”. A versión musicada por Xoán Montes converteuse nunha
canción emblemática que nos acompañou como sociedade en momentos complicados da
nosa existencia (Prestige, incendios…). A súa transcendencia e recoñecemento a
nivel internacional sorpréndenos e énchenos de orgullo como posuidores dunha
cultura local á par que universal.
O símbolo que representa a negra
sombra é un dos misterios máis enigmáticos da nosa literatura, xa que nin
críticos nin expertos se poñen de acordo sobre o significado desta. Podemos analizala como unha entidade ubicua “En
todo estás e ti es todo”, “Cando penso que te fuches (…) tornas
facéndome mofa”, relacionada intimamente coa voz lírica “pra min i en
min mesma moras”, e que, ou
ben a súa existencia se asocia de maneira inherente co falante lírico ou ben é
atemporal “nin me abandonarás nunca”. O seu carácter polisémico provoca
que existan diversas hipóteses sobre a natureza desta: a súa orixe como filla
de nai solteira e dun crego, o suicidio de Aurelio Aguirre (pretendido amor de
xuventude), as penurias económicas, a morte dos seus fillos, a depresión, a
conciencia existencial…
A
interpretación maioritaria é que a negra sombra é algo negativo, triste,
desacougante que provoca desolación, inquietude e que mesmo se pode relacionar coa morte:
“Pode
facer referencia a unha persoa querida que a
morte levou ou a conciencia da propia morte como destino inexorable.”
“A
asociación entre o falecemento dunha persoa e a aparición dunha nova estrela no
ceo exemplifícase a través dos versos: « i eres a estrela que brila » “
Para
outros, a simboloxía fai referencia a unha profunda depresión amarrada ao fondo
do seu ser:
“Os
sentimentos de melancolía e profunda tristura que atopamos na obra rosaliana
suxiren que padeceu esta enfermidade nalgún momento da súa vida. Isto tamén se
pode manifestar nalgúns dos seus versos, de marcado carácter suicida.”
Outra
opción interpretativa vencella o significado cun mal recordo, unha vivencia
triste e desafortunada, unha mala acción. A relación con algún trauma sufrido
ao longo da vida pola autora é outra das teses máis defendida, para algúns relacionándoo
incluso coa incomprensión coa que foi acollida a súa obra por determinados
sectores:
“Unha
moi mala experiencia ou un trauma persoal
que deixou unha forte pegada e que provocou un sentimento de tristura e
desolación que perdura. “
“A
negra sombra é un acontecemento negativo que leva asociado a tristura e a
soidade.”
“A
sombra é algo triste ou malo que permanece nos recordos e que atormenta á voz
lírica”
Ao
mesmo tempo, é unha composición que nos induce á reflexión e coa que todos nos
podemos sentir identificados:
“Os
sons do vento e a auga transmítennos tranquilidade que nos axuda a pensar e a
reflexionar sobre nós mesmos”
“Cada
un de nós temos a nosa propia negra sombra que nos vén á cabeza coa lectura
deste poema”
“A «negra sombra» identifícase coa
desolación persoal de cadaquén, para uns serán os estudos, para outros os
problemas persoais...”
“A negra sombra pode ser interpretada como os medos e
inseguridades de cada un.”
“Todos podemos ter unha “negra sombra” nun período concreto
da nosa vida e algúns incluso arrastrala durante moito tempo.”
“A cor negra representa a inmensa dor que a voz lírica sente”
“ A sombra simboliza o asedio constante “
“O lado escuro das cousas e, por extensión da vida, é o
significado da «negra sombra» no poema.”
“Pode ser unha carga de medo e angustia que nos acompaña toda a
vida e coa que temos que aprender a convivir.”
“O
que é seguro e que cada un de nós agocha un segredo escuro. Cada luz ten a súa
sombra.”
Alumnado de 1º Bacharelato
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)