Existen
varias teorías que intentan explicar a etimoloxía da palabra magosto. Hai quen
a fai vir do latín magnus ustus, gran fogueira, dentro dos cultos ao
lume que, como a noite de San Xoán, marcaban o paso das estacións; outros, de magnus,
que significaría ou ben magno, grande, ou ben mago, maxia; e outros sosteñen
que procede do celta mag, que significa campo.

Esta festa adoitaba celebrarse o 1º de novembro, día de Tódolos Santos,
se ben en Ourense, por maduraren máis
tarde as castañas, retrasouse ata o día 11, san Martiño. O lugar escollido adoitaba ser nun claro do mesmo
souto, comezando a primeira hora da tarde coa recollida de leña e castañas.
Facíase unha ou varias fogueiras con paus e frouma para conseguir brasas
dabondo para asar as castañas; outras veces celebrábase na eira ou nun rueiro
amplo, cos vellos na cociña da casa e os mozos na rúa.
Na
actualidade celébrase en calquera data comprendida entre a segunda quincena de outubro e a primeira
de novembro; ademais de castañas sóense incorporar diversos alimentos, coma
chourizos e outros produtos elaborados nas matanzas do porco coincidentes con estas datas. Tampouco adoitan faltar as
sardiñas asadas.
É, sen
dúbida, a festa do outono máis popular e tradicional galega.