Amosando publicacións coa etiqueta 1º ESO b>. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 1º ESO b>. Amosar todas as publicacións
domingo, 24 de abril de 2016
luns, 9 de novembro de 2015
O neno can
No seguinte enlace tedes unha serie de actividades sobre o libro de lectura obrigatoria deste primeiro trimestre:
O neno can
O neno can
xoves, 24 de outubro de 2013
Chega o Samaín
A
antiga festividade céltica do Samaín foi habitualmente descrita como unha comuñón cos espíritos dos defuntos que, especialmente nas datas do 31 de outubro
ó 1 de novembro, terían autorización para camiñar entre os vivos.
Abríanse as portas entre este mundo e alén, dándolle á xente a posibilidade de
reunirse cos seus antepasados mortos.
Os
celtas celebraban co Samaín o paso do ano, a fin do tempo das colleitas e, con
el do ano vello, e o comezo do inverno e, con el, do ano novo. Igualmente, o
Samaín era o momento no que as ánimas
dos mortos retornaban ás súas casas para visitar os familiares aínda vivos.
Nesta visita aproveitaban para buscar alimento e quentarse co lume da lareira,
polo que era costume deixar o lume aceso nesta noite e nunca varrer a lareira
para non afastar as ánimas; por veces tamén se deixaba unha cadeira baleira, co
seu servizo de comida e bebida, para que as ánimas se achegasen á mesa
familiar.
Coincidía
así, nesta noite do 31 de outubro ó 1º de novembro, a festa do paso dun ano a
outro, co momento da apertura ás ánimas do outro mundo.
Disque,
nestas mesmas datas, prendíanse lumes sagrados e que con esta cacharela inicial
alimentábanse as lareiras de todas as casas. Estas fogueiras tamén podían
cumprir o obxectivo de guiar os mortos na escuridade da noite e facilitarlles
así que atopasen os seus fogares e os seus parentes.
Afírmase
que polo Samaín era costume baleirar nabos
de gran tamaño para pórlles dentro candeas, e esta tradición, conservada en Irlanda,
puido ter sido exportada aos Estados
Unidos de América
polos irlandeses coas migracións a este país no século XIX
e comezos do XX. De ser así, a tradición tería continuidade nas
festas de Halloween, do que sería o seu precedente, nunha adaptación
do Samaín na cultura estadounidense, semellante a un Entroido,
na que os nabos foron substituídos por grandes cabazas.
Co paso do tempo, a influencia cultural estadounidense no resto do mundo
conseguiu que o Halloween regresase a Europa para converterse nunha festividade
cada vez máis popular.

A partir da década de 1990, comezou a celebrarse en Galicia o Samaín, mantendo a denominación celta. O profesor Rafael López Loureiro é o principal defensor da tese da galeguidade desta festa. Para el, o costume sobreviviu en Galicia ata épocas relativamente recentes (polo menos ata hai uns 30 anos) en que esmoreceu para converterse, unicamente, nunha celebración do día de Defuntos. Segundo este investigador, a tradición esténdese por toda a antiga xeografía céltica europea. En España, está presente en localidades rurais de Asturias, Aragón, Cantabria, Castela e León ou Madrid. Actualmente son moitas as asociacións culturais e colexios espallados pola xeografía galega que lembran este antigo rito celta.
domingo, 13 de outubro de 2013
O castiñeiro e a castaña
O castiñeiro
recibe en Galicia os nomes de castañeira, castañeiro, castiñeira,
castiro e restre; existen castiñeiros bravos, que se denominan rebolos,
bravádegos ou castiñeiróns. A denominación máis común para o lugar onde hai moitos castiñeiros
é a de souto, pero tamén temos castañal, castañar, castañeira,
castañeiro, castiñeiral, soutelo e tropezal.
A castaña ten
tamén os nomes de cagoxa e croca; cando caen de seu ó chan xa
maduras, denomínanse degaros, restelas ou restrelos (tamén
castañas degaradas, degraídas, de restelo ou de
restrelo). Algunhas castañas quedan abortadas ou malogradas dentro do
ourizo: son as bolercas, castañas bolercas ou croucos;
estas destínanse á ceba do porco.
Recóllense vareando os castiñeiros cuns paus longos ou lanzando contra as pólas uns paus pequenos (rebolos), de forma que os ourizos caen ó chan, de onde se recollen e se amorean ou se poñen a secar nas ouriceiras. Cando os ourizos secan e abren, extráense as castañas (operación que se chama a bulla ou petela).
As castañas
cocidas con casca denomínanse mamotas ou zonchos; con estas adoitábase facer colares.
Outra forma moi
tradicional de comer as castañas era deixándoas secar no caínzo ou fumeiro, ó fume da lareira. Son as castañas maias, maiolas ou castañas
do canizo , que se comen logo, secas e peladas, en forma de caldo de
castaña.venres, 11 de outubro de 2013
É tempo de magosto
Existen
varias teorías que intentan explicar a etimoloxía da palabra magosto. Hai quen
a fai vir do latín magnus ustus, gran fogueira, dentro dos cultos ao
lume que, como a noite de San Xoán, marcaban o paso das estacións; outros, de magnus,
que significaría ou ben magno, grande, ou ben mago, maxia; e outros sosteñen
que procede do celta mag, que significa campo.
Esta palabra
designa tamén a propia fogueira na que se asan as castañas ou o conxunto de
castañas que se asan e comen nesta ocasión. Vocabulario derivado son magostar,
co significado de asar castañas nun souto para comelas en grupo; e magosteiro,
cada un dos participantes nesta comida.
Esta festa adoitaba celebrarse o 1º de novembro, día de Tódolos Santos,
se ben en Ourense, por maduraren máis
tarde as castañas, retrasouse ata o día 11, san Martiño. O lugar escollido adoitaba ser nun claro do mesmo
souto, comezando a primeira hora da tarde coa recollida de leña e castañas.
Facíase unha ou varias fogueiras con paus e frouma para conseguir brasas
dabondo para asar as castañas; outras veces celebrábase na eira ou nun rueiro
amplo, cos vellos na cociña da casa e os mozos na rúa.
Na
actualidade celébrase en calquera data comprendida entre a segunda quincena de outubro e a primeira
de novembro; ademais de castañas sóense incorporar diversos alimentos, coma
chourizos e outros produtos elaborados nas matanzas do porco coincidentes con estas datas. Tampouco adoitan faltar as
sardiñas asadas.
É, sen
dúbida, a festa do outono máis popular e tradicional galega.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)
