Amosando publicacións coa etiqueta 4º ESO. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 4º ESO. Amosar todas as publicacións

luns, 18 de decembro de 2017

Un achegamento á figura de Castelao

AFONSO DANIEL RODRÍGUEZ CASTELAO (1886-1950)


Nado en Rianxo, sendo neno viviu uns anos na Pampa arxentina; de volta a Galicia estuda Medicina e entra en política. Achégase ao agrarismo, funda con Risco e Otero a revista Nós e colabora no Seminario de Estudos Galegos en calidade de especialista en arte. Durante a 2ª República convértese en deputado nas Cortes co Partido Galeguista no ano 1931; dous anos despois é desterrado a Estremadura, onde comeza a redacción da chamada "Biblia" do nacionalismo galego, Sempre en Galiza, que publicará no exilio de Bos Aires, en 1944. Atópase en Madrid cando se produce o golpe de estado do 18 de xullo do 36 e, logo de colaborar co goberno republicano durante toda a Guerra Civil, marcha ao exilio a Bos Aires, onde morre en 1950. Resulta especialmente significativa e impresionante a variedade das actividades nas que destacou. Foi o principal dirixente do nacionalismo galego, humorista gráfico da prensa diaria (Cousas da vida), pintor, investigador da arte popular (As cruces de pedra na Bretaña, As cruces de pedra na Galiza), debuxante (Nós, Galicia mártir, Atila en Galicia e Milicianos), teórico do nacionalismo galego (Sempre en Galiza) e, por último, narrador (Un ollo de vidro, Cousas, Retrincos e Os dous de sempre)

Castelao mesturou texto e imaxe. Moitas das súas obras narrativas ían acompañadas de debuxos ilustrativos e inventou un xénero literario: as cousas. Buscaba a aparencia de naturalidade das súas obras, retocaba unha e outra vez e nunca improvisaba. Polo contrario, o seu estilo baseado na claridade eliminaba os adornos innecesarios e avanzaba con fluidez. Para isto botou man dunha sintaxe simple e dun léxico preciso. A coidadosa elaboración formal da súa prosa non levou consigo o descoido do compromiso ético cos seres humanos máis humildes do pobo galego. Foi un artista apreciado polas minorías, xa que todos os lectores podían gozar dos seus textos ao non ser necesaria unha gran formación cultural para entendelos. Castelao é, sen dúbida, a única figura da literatura galega que se achega á forza emblemática de Rosalía de Castro. A diferenza dos membros do Grupo Nós, Castelao nunca se sentiu elitista nin individualista. El é un membro máis do pobo galego e a capacidade de conexión coas clases máis desfavorecidas relaciónase coa súa innata sensibilidade e, como non, coa súa humilde orixe. A análise da realidade realízaa con frecuencia dende a perspectiva humorística non exenta de ironía ou de retranca. Os temas presentes na narrativa de Castelao son universais e transcendentes. Son produto dunha atenta observación da realidade da cal, como xa indicamos, forma parte o propio autor e niso radica a súa forza e capacidade de comunicación. 

 É posible destacar unha serie de constantes temáticas que aparecen tanto na súa obra narrativa como na gráfica:
 • A morte.
 • O amor. 
• A defensa da lingua.
 • As vivencias da emigración.
 • As clases populares (vida mariñeira e labrega).
 • As diferenzas entre as clases sociais. O caciquismo. 
• A crítica social e a inxustiza.
 • Os defectos e as virtudes do pobo galego.

venres, 24 de novembro de 2017

luns, 23 de outubro de 2017

Comentario


       En pé!

   Irmáns! En pé sereos
   a limpa fronte erguida,
   envoltos na brancura
   da luz que cae de riba,
   o corazón aberto
   a toda verba amiga
   e nunha man a fouce
   e noutra man a oliva,
   arredor da bandeira azul e branca,
   arredor da bandeira de Galicia,
   ¡cantémo-lo dereito
   á libre nova vida!
   Validos de traidores
   a noite de Frouseira
   á patria escravizaron
   uns reises de Castela.
   Comestas polo tempo
   xa afrouxan as cadeas...
   ¡Irmáns asoballados
   de xentes estranxeiras,
   ergámo-la bandeira azul e branca!
   E ó pé da enseña da nación galega
   cantémo-lo dereito
   á libertá da Terra!
   ¡Irmáns no amor a Suevia
   de lexendaria historia,
   ¡en pé! ¡En pé dispostos
   a non morrer sen loita!
   ¡O día do Medulio
   con sangue quente e roxa
   mercámo-lo dereito
   á libre, honrada chouza!
  ¡Xa está ó vento a bandeira azul e branca!
   ¡A oliva nunha man, a fouce noutra,
   berremos alto e forte:
   “A nosa terra é nosa”.
                  Da terra asoballada (1917)


  Este poema incluído no libro Da terra asoballada ten como autor a Ramón Cabanillas, escritor que desenvolveu a súa actividade literaria a comezos do século XX. Profundamente influído pola realidade social da época, Cabanillas participou das reivindicacións do agrarismo e das inquedanzas formuladas polas Irmandades da Fala que definiron o primeiro terzo do século. A un dos seus dirixentes (Lois Porteiro) vai dirixida esta composición que é unha chamada de atención á colectividade galega. O ideario nacionalista está presente ao longo dos versos que podemos encadrar na temática cívica ou social. 

Dende o punto de vista formal, o poema consta de 36 versos heptasílabos e hendecasílabos distribuídos en tres estrofas. Presenta rima asonante irregular nos pares quedando libres os impares. Na composición aparece unha significativa abundancia de signos de admiración que podemos relacionar co feito de que presenta o ton dunha arenga (chamada á loita), xa evidente no propio título (En pé) e no apóstrofe inicial (Irmáns!); remarcado polos continuos paralelismos cheos de simbolismos (versos 7 -8: e nunha man a fouce/ e noutra man a oliva; versos 9-10: arredor da bandeira azul e branca/ arredor da bandeira de Galicia) e sintetizados na contundente sentencia final (A nosa terra é nosa). Os elementos simbólicos van dende a mención á bandeira como sinal de identidade (a bandeira azul e branca) ata as referencias á fouce e á oliva (a loita e a paz) que constitúen tamén unha antítese. Os paralelismos contribúen a remarcar a idea de identidade contida nos elementos mencionados. Tamén cómpre resaltar o valor metafórico presente no verso 3: envoltos na brancura/ da luz que cae de riba onde se pon de manifesto a pureza e a transparencia que moven aos galegos. 

En canto ao contido, a voz poética fai un chamamento aos irmáns (fillos de Galicia) animándoos a loitar para defender os seus dereitos e recuperar a súa conciencia como pobo. O tema sería a liberación de Galicia asumida polos propios galegos. Podemos dividir o poema en tres partes atendendo á distribución en estrofas:
-1ª: Chamada á loita e reivindicación do dereito a ter un futuro mellor.
-2ª: O asoballamento sufrido polos galegos ao longo da historia.
-3ª: A reivindicación de épocas gloriosas do noso pasado (suevos, Medulio) e, de novo, o chamamento á loita pola liberdade.
 Son especialmente significativas as referencias a tres momentos relevantes da nosa historia: o primeiro é a mención da Frouseira que era o nome que recibía o castelo do mariscal Pedro Pardo de Cela. Este foi axustizado polos Reis Católicos en 1483 en Mondoñedo como castigo pola súa manifesta oposición e, posteriormente convertido polo pobo en símbolo da resistencia da nobreza galega fronte á castelá. A continuación aparece a mención ao reino suevo, un dos pobos xermánicos establecidos en Galicia entre os séculos V e VI que nos deixaron en herdanza a parroquia como modelo de organización territorial; para rematar, a referencia á batalla do monte Medulio (Século I a.d.c.) onde os galegos, cercados polos invasores romanos, preferiron suicidarse colectivamente antes de caer nas mans do inimigo. As tres mencións históricas aparecen claramente referidas a esa necesidade de procurar no pobo galego uns sinais de identidade co fin de mobilizar a conciencia colectiva. A reivindicación deses momentos históricos esenciais está claramente relacionada coa liña de reafirmación dun pasado que foi glorioso (Medulio, Suevia) pero que tamén sufriu asoballamentos (Frouseira). As ideas de sometemento e escravitude conviven coas de loita e liberdade sentando as bases da necesaria unidade do pobo como coñecedor da súa historia e reivindicador do seu futuro. 

A xeito de conclusión, podemos dicir que Cabanillas recolleu nesta composición o ideario das Irmandades da Fala: a defensa de Galicia, a reivindicación dos seus símbolos (bandeira), a necesidade da loita pacífica (fouce, oliva), o coñecemento da historia (Medulio, Suevia, Frouseira) e, por riba de todo, a necesidade da identificación como colectividade ( A nosa terra é nosa). O autor segue deste xeito a liña de Eduardo Pondal cando se situaba na mítica Galicia poboada polos celtas para conseguir a través da idealización do pasado a concienciación necesaria para superar o presente e avanzar cara a un futuro mellor. O poema é unha especie de himno artellado como unha chamada á colectividade galega para que se sinta orgullosa de selo e para que non esqueza aquilo que a singulariza e define: a identidade.

sábado, 20 de setembro de 2014

HISTORIA DA LINGUA E DA LITERATURA






  • O galego é unha lingua románica, procedente do latín(substrato+latín+superestrato).
  •  Os primeiros textos escritos en galego-portugués datan de finais do século XII.

1ª etapa: Época medieval (séculos XIII-XIV-XV)
 
Características:

 ·   Lingua falada por todas as clases sociais ( reis, nobres, pobo).
            
·    Literatura:  época de esplendor, lingua lírica da    península, cantigas de amor, amigo e escarnio.

·     Situación da lingua plenamente normalizada a todos os  niveis.

2ª etapa: Séculos Escuros (XVI-XVII-XVIII)

Características:

·    Situación política: Galicia pasa a depender da coroa de Castela e a nobreza galega é substituída por outra foránea (loitas dinásticas).

·    Desaparición case total das mostras literarias.

·   Inicio da concepción do galego como lingua asociada á incultura e ao atraso (clases dirixentes castelán-falantes). Introdución do castelán en Galicia.

·    O galego mantense como a lingua oral da gran maioría da poboación. Non desaparece como lingua falada, si como lingua escrita (literatura, documentos notariais…).

·   O século XVIII amosa un cambio na situación: primeiras voces en defensa da lingua (Ilustrados). 

·  Padre Sarmiento: análise das causas da introdución do castelán en Galicia e reivindicación da necesidade do ensino en galego.


etapa: Rexurdimento (Século XIX)
 
Características:

1.     1ª parte do século: (Prerexurdimento) 1800-1863

·    Preocupación pola  complicada situación da lingua e a  cultura galegas  (intelectuais).

·    Inicios da recuperación literaria (Obras poéticas dos Precursores).

·    Principais representantes dos Precursores: Xoán Manuel Pintos: A gaita gallega; Francisco Añón: “A Galicia”.

·  Aparición de movementos ideolóxicos como o Provincialismo ou o Rexionalismo (defensa da propia identidade).

  2. 2ª parte do século: (Rexurdimento pleno) 1863-1900

·   Publicación en 1863 de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro.

· Outros autores relevantes: Eduardo Pondal (Queixumes dos pinos), Curros Enríquez (Aires da miña terra).

·      Aparición de xornais en galego.

·    Inicios de concienciación social ao mesmo tempo que se producen avances na  introdución do castelán entre as clases populares como lingua de prestixio.




4ª etapa: Séculos XX e XXI.

 Podemos distinguir varios períodos dentro desta etapa:

1 Primeiro terzo do século: 1900-1936. Intensa actividade cultural e literaria.

·             .  O agrarismo (Ramón Cabanillas)

·        As Irmandades da Fala
 
·        O Seminario de Estudos Galegos

·        O Grupo Nós. Castelao

·        As vangardas

2 A Guerra Civil e a ditadura: 1936-1975. Forte represión lingüística e ideolóxica.

      2.1 1936-1950. Contraste entre o silencio literario e cultural en Galicia    e a      intensa actividade desenvolvida no exilio (Luís Seoane e Lorenzo Varela).

    2.2 1950-1975. Creación da editorial Galaxia e inicios de recuperación coa publicación de obras literarias  tanto en poesía (Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro) como en prosa.



3  A democracia:  dende 1975 ata a actualidade.


·        Recoñecemento legal da lingua galega

·        Presenza no ensino e na administración

·        Aumento da castelanización (ruptura da transmisión interxeracional)

·        Importancia e variedade da literatura (aparición de novos subxéneros)