Amosando publicacións coa etiqueta 3º ESO b>. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 3º ESO b>. Amosar todas as publicacións
xoves, 17 de novembro de 2022
martes, 14 de abril de 2020
Eduardo Pondal
A Fundación Eduardo Pondal achéganos unha interesante ilustración sobre a vida e obra do autor:
venres, 20 de marzo de 2020
Guía para detectar noticias falsas
1.Desconfía
dos titulares: Os títulos rechamantes, con afirmacións
inverosímiles e impactantes, símbolos de exclamación,
maiúsculas... poden ser moi probablemente noticias falsas.
2.Examina
o URL: Como moitos dos sitios de noticias falsas imitan medios
auténticos, é importante fixarse coidadosamente no enderezo para
advertir posibles suplantacións.
3.Investiga
a fonte da noticia: Se non coñeces a organización que proporciona a
información e non tes detalles sobre a súa boa reputación en
materia de veracidade, podes estar fronte a un instrumento de
desinformación.
4.Presta
atención ao formato: Deseños estraños e faltas de ortografía
xeneralizadas poden ser indicativos dunha noticia falsa.
5.Analiza
as fotos: Ás veces poden ser manipulacións ou estar sacadas de
contexto. Se contan con liñas debuxadas pode ser indicio de
modificación.
6.Revisa
as datas: As noticias falsas poden ter unha cronoloxía sen sentido
ou incluír datas que foron alteradas; pode tratarse de temas pasados
que se distribúen facéndoos pasar por actuais.
7.Verifica
os feitos: É interesante contrastar as fontes dos autores da
información, na medida do posible, para confirmar que un feito tivo
lugar. Sen probas ou con fontes ocultadas, poida que se trate dunha
fake news.
8.Consulta
outros medios: Se a historia soamente se atopa nun lugar, non é
ningunha exclusiva e ningún outro medio está a facerse eco, poida
que sexa falsa. Desconfía dos relatos únicos.
9.A
historia é unha broma? En ocasións non estaremos ante noticias
falsas, senón ante sitios de humor que contan bromas en forma de
noticias. Hai que asegurarse que a fonte da información non é unha
web de sátira ou parodia.
10.Algunhas
historias son falsas de forma intencionada. Cómpre manter unha
actitude crítica á hora de ler unha información e compartir
soamente aquelas noticias que pensemos que son cribles.
Consellos de Facebook para evitar as Fake
news (Adaptación)
- Resume brevemente o contido, propón un título alternativo e indica cal é a intencionalidade do texto.
- Busca nas redes algún exemplo de Fake news relacionado coa crise do coronavirus.
- Cres que é importante aprender a distinguir a información verdadeira da falsa? Razoa a resposta.
- Volve a ler a lectura traballada na aula titulada As novas tecnoloxías e o consumo de información (páxinas 126 e 127 do libro de 3º ESO da Editorial Santillana) e redacta un comentario poñéndoa en relación co contido do texto. (Extensión mínima: 8 liñas)
luns, 16 de marzo de 2020
Lingua de reis, lingua do pobo (3º ESO)
No seguinte enlace pódese acceder ao capítulo 5 de Historias de Galicia:
http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/capitulo-5-lingua-de-reis-lingua-do-pobo
FICHA DE ANÁLISE DO DOCUMENTAL
http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/capitulo-5-lingua-de-reis-lingua-do-pobo
FICHA DE ANÁLISE DO DOCUMENTAL
1. De que lingua
provén o galego? Cando se comezou a falar e a escribir?
2. Quen foi Afonso
X O Sabio? Que obra escribiu e en que lingua? En que século?
3 Que outras
composicións son importantes neste período? En que lingua están escritas? Cal
era a súa temática? Quen eran os seus autores?
4. Que dous códices
se mencionan no texto? Onde se conservan? Cales son as súas características?
5. Na época
medieval, que lingua falaban os nobres galegos?
En que lingua se redactaban os documentos? Cal era, polo tanto a
situación da lingua?
6. Que significa o feito de que exista un panteón real na catedral de
Santiago?
7. Que importancia teñen o Camiño de Santiago e as peregrinacións a
Compostela dende o punto de vista cultural?
8. Que consecuencias trae para Galicia e para o galego que Portugal se constitúa como
reino independente?
9. A partir de que século se introduce o castelán en Galicia?
10. Explica coas túas palabras o que pretende representar o presentador
do programa co taboleiro de xadrez.
11. Como se chama a segunda etapa da
literatura galega? Cantos séculos dura?
12. Comenta a
situación da lingua a nivel oral e escrito atendendo
ás diferentes clases sociais.
13. Que personaxe
destaca pola súa defensa da lingua nesta etapa? En que século viviu?
14. Nesta época,
que lingua se estudaba na escola?
15. Como se chama a terceira etapa da lingua e
literatura galegas? Xustifica o termo.
16. Cal é a obra
máis importante da nosa historia? Por
que é tan excepcional?
17. Cal é o obxectivo da autora ao escribir esta
obra?
18. Quen é Manuel
Murguía? A quen representa?
19. Cales son as
etapas da literatura galega? Relaciónaas cos séculos correspondentes.
20. Fai un esquema
onde recollas etapas, séculos, situación da lingua (a nivel oral e escrito) e
autores e obras máis representativas.
sábado, 21 de setembro de 2019
A orixe da lingua galega
Dous mapas interactivos e unha liña de tempo que axudan a comprender a orixe da nosa lingua no seguinte enlace.
martes, 1 de maio de 2018
Comentario de "Tecín soia a miña tea"
Tecín soia a miña tea,
sembrei soia o meu nabal,
soia vou por leña ó monte,
soia a vexo arder no lar.
Nin na fonte nin no prado,
así morra coa carrax,
el non ha de virm'a erguer,
el xa non me pousará.
¡Que tristeza! O vento soa,
canta o grilo ó seu compás...
Ferve o pote... mais, meu caldo,
soíña t'hei de cear.
Cala, rula, os teus arrulos
ganas de morrer me dan;
cala, grilo, que si cantas,
sinto negras soïdás.
O meu homiño perdeuse,
ninguén sabe en onde vai...
Anduriña que pasache
con el as ondas do mar;
anduriña, voa, voa,
ven e dime ond'está.
Rosalía de Castro: Follas Novas.
COMENTARIO
Este
poema de Rosalía de Castro pertence á súa obra Follas Novas publicada en 1880. Este libro é posterior a Cantares Gallegos, que data de 1863 e
marca o inicio da etapa literaria denominada Rexurdimento pleno. Rosalía é a
autora máis representativa das nosas letras neste século, tanto pola
importancia literaria e cultural das súas obras a nivel da nosa lingua, como
pola calidade e transcendencia das mesmas para a literatura universal.
A
composición consta de 22 versos, na súa maioría octosílabos con rima asonante
nos pares, quedando libres os impares. Sería, polo tanto, un romance. Rosalía
bota man neste relato desacougante sobre as consecuencias da emigración de
varios recursos para remarcar a sensación de soidade: a repetición da palabra
soia (anáforas) ou a presenza de léxico marcado negativamente como “carraxe”,
“tristeza”, “negras soidás”, “morrer” que denotan claramente a situación límite que está a vivir o eu
lírico... Á enumeración das tarefas cotiás que ela ha de realizar sen axuda
(tecer, sementar, ir por leña...) únese a mención de elementos simbólicos posuidores dun forte carácter de
unidade como son o lar, a intimidade de compartir o leito (”el non ha de virme
erguer / el xa non me pousará”) ou o caldo para a cea. Todos estes aspectos son
pinceladas sentimentais que incrementan a sensación de desacougo e
desprotección experimentada pola muller. A situación de desesperación
é claramente evidente na
hipérbole (“así morra coa carrax”). Dende o punto de vista lingüístico cómpre
destacar a aparición de castelanismos como “soia”, “si” ou
vulgarismos coma “carrax” e “soidás”. A autora reflicte nos seus poemas o
galego falado e coloquial. Tamén cabe remarcar a puntuación do texto: os puntos
suspensivos, a exclamación e a interrogación indirecta reforzan a sensación de
exposición entrecortada dominada pola
emoción.
( Antonio Taracido García: Muller tecendo nas dunas)
Dentro
do poema, que ten como tema a soidade dunha muller provocada pola emigración, pódense
distinguir varias partes claramente diferenciadas; unha proposta de estrutura
sería a seguinte: a primeira parte do
verso 1 ata o 8, onde o falante lírico expón a súa situación de soidade; a
segunda dende o verso 9 ata o 16, onde aparecen o grilo e a rula como
confidentes da súa pena. A terceira parte estaría constituída polos últimos
seis versos, onde a emigración fica suxerida como causa da ausencia do seu home
e a desesperación ante un incerto futuro. Mención especial merecen a presenza
dos únicos interlocutores aos que a muller pode dirixir a súa coita: a rula, o
grilo e a andoriña. O sons que emiten os cantos dos animais simbolizan o seu
pranto e os seus lamentos. A andoriña, ave que frecuentemente aparece vinculada
á liberdade, representa aquí a distancia da travesía polo mar que nos ofrece o
dato clarificador da emigración a América como causa da ausencia do home. A
chamada desesperada da muller escolle a andoriña como destinataria dunha
pregunta retórica sobre o destino do seu
namorado. O eixo central do poema son as consecuencias da emigración e a
vivencia das mesmas dende a perspectiva dunha muller que se sente abandonada. Tematicamente
pertence, polo tanto, ao núcleo
denominado poesía obxectiva-social.
Como
conclusión, dicir que este poema incluído na parte “As viudas dos vivos e as
viudas dos mortos” de Follas Novas
representa precisamente iso: a historia desesperada dunha viúva dun vivo, unha
muller que sente como a soidade se apodera dela e que denuncia de xeito
indirecto as circunstancias que provocaron esta situación. Rosalía adopta unha
vez máis o punto de vista dunha muller para formular unha denuncia das
condicións de vida na Galicia do século XIX que provocan que a emigración sexa
a única saída. O tema social actúa como unha especie de fondo do cadro (non
exento de importancia, máis ben todo o contrario) dos sentimentos da muller,
que constitúen o verdadeiro tema do poema: o
sufrimento da emigración.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)