Amosando publicacións coa etiqueta Rosalía de Castro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Rosalía de Castro. Amosar todas as publicacións

domingo, 18 de outubro de 2020

Día das Escritoras

  O 19 de outubro celébrase o Día das Escritoras. A nosa escritora máis universal non foi allea á problemática que ao longo da historia sufriron moitas mulleres que se dedicaron á creación literaria.
 Cando Rosalía de Castro comeza a escribir, máis do 90% das mulleres galegas eran analfabetas. Ela sente que a situación de desigualdade ten que ser denunciada e que é preciso un cambio na sociedade. Rosalía, como persoa culta e concienciada que é, decátase de que no ámbito da creación literaria están presentes moitos e variados prexuízos e estereotipos asociados ás mulleres que pretenden dedicarse á escritura. En 1865, tres anos de que vise a luz Cantares gallegos, a autora publica un ensaio en forma de carta onde reflexiona de xeito crítico sobre a problemática da muller escritora. O texto, que leva por título “ Las literatas. Carta a Eduarda”, recolle os consellos que unha tal Nicanora lle ofrece á súa amiga Eduarda recomendándolle que abandone o seu afán de escribir pola baixa consideración social que implica. A marxinación das mulleres literatas vén da idea de que unha muller ten que servir para contentar o home. A muller intelectual non pode satisfacer esta demanda porque ao dedicarse á escritura descoida as súas obrigacións domésticas, que son a súa principal responsabilidade. Tamén se aborda a problemática da muller lectora que non ten libre acceso á cultura ou ás bibliotecas. O ton irónico sérvelle a Rosalía para denunciar a incomprensión da sociedade a desigualdade de oportunidades que teñen que sufrir as mulleres. 
 
 

 
 A autora, afortunadamente, non seguiu os consellos que puxo en boca do personaxe do seu artigo e fixo súa a voz de moitas mulleres galegas a través das súas obras. Así o fixo en Follas novas (1880) , onde podemos atopar poemas como “A xustiza pola man“ou “Tecín soia a mina tea” que responden á súa intención recollida no prólogo: O que me conmoveu sempre, e polo tanto non podía deixar de ter un eco na miña poesía, foron as innumerables coitas das nosas mulleres.

luns, 30 de marzo de 2020

"Cando penso que te fuches"

Que é a "negra sombra"?

Velaquí as interpretación do alumnado de 1º de bacharelato sobre un dos poemas máis coñecidos  e controvertidos de Rosalía de Castro: “Cando penso que te fuches”. A versión musicada por Xoán Montes converteuse nunha canción emblemática que nos acompañou como sociedade en momentos complicados da nosa existencia (Prestige, incendios…). A súa transcendencia e recoñecemento a nivel internacional sorpréndenos e énchenos de orgullo como posuidores dunha cultura local á par que universal.
  O símbolo que representa  a negra sombra é un dos misterios máis enigmáticos da nosa literatura, xa que nin críticos nin expertos se poñen de acordo sobre o significado desta.  Podemos analizala como unha entidade ubicua “En todo estás e ti es todo”,  “Cando penso que te fuches (…) tornas facéndome mofa”, relacionada intimamente coa voz lírica “pra min i en min mesma moras”,  e que, ou ben a súa existencia se asocia de maneira inherente co falante lírico ou ben é atemporal “nin me abandonarás nunca”. O seu carácter polisémico provoca que existan diversas hipóteses sobre a natureza desta: a súa orixe como filla de nai solteira e dun crego, o suicidio de Aurelio Aguirre (pretendido amor de xuventude), as penurias económicas, a morte dos seus fillos, a depresión, a conciencia existencial…



A interpretación maioritaria é que a negra sombra é algo negativo, triste, desacougante que provoca desolación, inquietude e que mesmo se pode  relacionar coa morte:
“Pode facer referencia a unha persoa querida que a  morte levou ou a conciencia da propia morte como destino inexorable.”
“A asociación entre o falecemento dunha persoa e a aparición dunha nova estrela no ceo exemplifícase a través dos versos: « i eres a estrela que brila » “

Para outros, a simboloxía fai referencia a unha profunda depresión amarrada ao fondo do seu ser:
“Os sentimentos de melancolía e profunda tristura que atopamos na obra rosaliana suxiren que padeceu esta enfermidade nalgún momento da súa vida. Isto tamén se pode manifestar nalgúns dos seus versos, de marcado carácter suicida.”

Outra opción interpretativa vencella o significado cun mal recordo, unha vivencia triste e desafortunada, unha mala acción. A relación con algún trauma sufrido ao longo da vida pola autora é outra das teses máis defendida, para algúns relacionándoo incluso coa incomprensión coa que foi acollida a súa obra por determinados sectores:
“Unha moi mala experiencia ou un trauma persoal  que deixou unha forte pegada e que provocou un sentimento de tristura e desolación que perdura. “
“A negra sombra é un acontecemento negativo que leva asociado a tristura e a soidade.”
“A sombra é algo triste ou malo que permanece nos recordos e que atormenta á voz lírica”

Ao mesmo tempo, é unha composición que nos induce á reflexión e coa que todos nos podemos sentir identificados:
“Os sons do vento e a auga transmítennos tranquilidade que nos axuda a pensar e a reflexionar sobre nós mesmos”
“Cada un de nós temos a nosa propia negra sombra que nos vén á cabeza coa lectura deste poema”     
“A «negra sombra» identifícase  coa desolación persoal de cadaquén, para uns serán os estudos, para outros os problemas persoais...”
“A negra sombra pode ser interpretada como os medos e inseguridades de cada un.”
“Todos podemos ter unha “negra sombra” nun período concreto da nosa vida e algúns incluso arrastrala durante moito tempo.”
“A cor negra representa a inmensa dor que a voz lírica sente”
“ A sombra simboliza o asedio constante “
“O lado escuro das cousas e, por extensión da vida, é o significado da «negra sombra» no poema.”
“Pode ser unha carga de medo e angustia que nos acompaña toda a vida e coa que temos que aprender a convivir.”
“O que é seguro e que cada un de nós agocha un segredo escuro. Cada luz ten a súa sombra.”
                                                    Alumnado de 1º Bacharelato








luns, 23 de marzo de 2020

No bico un cantar: Negra sombra

 No seguinte enlace pódese acceder ao capítulo de No bico un cantar dedicado á versión musicada por Xoán Montes do poema  "Negra sombra" de Rosalía de Castro:   http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/negra-sombra





CUESTIÓNS
  1. Onde e cando se estreou a versión musicada do poema de Rosalía de Castro?
  2. Que outra versión dun texto poético emblemático para a cultura galega foi presentada publicamente no mesmo lugar anos despois?
  3. En que lugares da xeografía española viviu Rosalía? Onde está a Casa-Museo da autora?
  4. Cal era a ocupación profesional de Rosalía? Por que cres este feito era tan inusual na época?
  5. Que simbolizaba para Rosalía o mar? Con que feito biográfico se relaciona ?
  6. Recolle algunha das posibles interpretacións do significado da “negra sombra” expostas no vídeo.
  7. En que acontecementos da nosa historia recente se converteu esta canción nunha especie de símbolo musical das vivencias colectivas?
  8. Valora a difusión e a repercusión desta composición a nivel internacional poñendo este feito en relación co prexuízo de que a cultura galega non ten sentido fóra das nosas fronteiras.
  9. Quen foi o autor da música? En que peza tradicional está baseada?
  10. Onde radica a “forza” comunicativa deste poema?
  11. En que aspectos se pode dicir que Rosalía foi unha adiantada ao seu tempo?
  12. Que é para ti a “negra sombra”? Redacta un pequeno comentario ofrecendo a túa interpretación persoal.

xoves, 19 de marzo de 2020

A consciencia de Rosalía



Rosalía foi acusada de non ser plenamente consciente da importancia ideolóxica da súa obra, tanto no que se refire ás circunstancias en que foi escrita como á relevancia e significación da mesma. No prólogo de Follas novas a autora manifesta ser consciente do carácter de rebeldía que supuxo unha obra como Cantares gallegos cando di: “Un libro de trescentas páxinas, escrito no doce dialecto do país, era estonces cousa nova, e pasaba polo mesmo todo atrevemento”. Cantares foi un libro innovador, rompedor e ousado. Estaba escrito en galego, por unha muller e a súa temática era crítica coa situación de inxustiza e menosprezo que vivía Galicia. Rosalía foi pois, consciente de que a súa actitude era atrevida e mesmo contestataria. Así o reafirma cando di “i eu comprendín que desde ese momento quedaba obrigada a que non fose o primeiro i o último. N’era cousa de chamar as xentes á guerra e desertar da bandeira que eu mesma había levantado”. Efectivamente, Rosalía chamou á guerra a todos os galegos e galegas coa súa obra inicial. Chamounos a defender a súa patria, a denunciar as aldraxes e humillacións e a enorgullecerse da súa lingua e da súa cultura. Ela sente que ten unha débeda contraída co pobo galego que ten que cumprir coa publicación de Follas novas. 
 
Rosalía emprega o galego porque quere “falar das cousas da nosa terra na nosa lingua” e a lingua é o vehículo de expresión que recolle a esencia do pobo que ela quixo retratar e defender. Ela define a lingua galega como “o doce dialecto do país” (lembremos a baixa consideración social que se tiña do galego) e é consciente, como dixemos anteriormente, da innovación e o atrevemento que supón o seu uso. Pero ela para falar de Galicia ten que facelo en galego, aínda que se decate de que os campesiños tardarán moito en coñecer os seus textos.

As razóns polas que manifesta en Follas novas que non volverá a empregar a lingua galega parecen moi pouco clarificadoras na súa explicación: “pagada xa a deuda en que me parecía estar coa miña terra, difícil é que volva escribir máis versos na lingua materna”. Para profundar nas causas temos que falar da incomprensión e do illamento ao que foi sometida Rosalía por certos sectores da sociedade da época. A causa do rexeitamento radica no seu atrevemento por ter defendido as clases populares, por ter usado a lingua galega, por ter denunciado as inxustizas, por ter atacado aos opresores e, en definitiva, por terse rebelado contra a orde establecida. Outra razón que se pode relacionar co abandono do uso da lingua refírese ás complicadas condicións do mercado editorial capitalista que dificultaría a publicación de obras tan subversivas e críticas co poder. 
 
Rosalía edita Follas novas co ánimo desacougado. Tenta quitarlle importancia ideolóxica á súa obra e pretende que pase o máis desapercibida posíbel. “¡Deixalos pasar!” di autora referíndose aos seus versos. Contrasta o ton aparentemente pouco transcendente que quere darlle á obra coa intensidade emocional dos seus poemas. A evolución ideolóxica e persoal que sufriu Rosalía dende a publicación de Cantares (1863) ata a de Follas (1880) explicaría esa intención de querer sacarlle carga ideolóxica e importancia á súa obra cume. Rosalía escribiu o prólogo en 1880, anos despois de compoñer os poemas que integran Follas novas. Iso explica a evolución experimentada pola autora condicionada indubidablemente pola hostilidade social desatada en determinados sectores a raíz da publicación de Cantares.
 
A conclusión é inequívoca. Rosalía era plenamente consciente da importancia ideolóxica das súas obras do mesmo xeito que o era das circunstancias en que se publicaron. Ela pretende cambiar o mundo chamando as xentes á guerra con todas as consecuencias que leva asociadas. O carácter rompedor e innovador da autora iniciou o renacer das nosas letras e a recuperación da nosa cultura. O seu carácter valente, de muller adiantada á súa época unida á súa intelixencia e capacidade de observación da práctica posible no contexto histórico que lle tocou vivir, levárona a un proceso de illamento e introspección que se relaciona co abandono da escrita en galego. Non foi porque deixase de crer na causa ou porque a considerase superada. E, de ningunha maneira, tampouco porque non fose consciente.

Texto completo: Prólogo de Follas novas

martes, 1 de maio de 2018

Comentario de "Tecín soia a miña tea"

Tecín soia a miña tea,
sembrei soia o meu nabal,
soia vou por leña ó monte,
soia a vexo arder no lar.
Nin na fonte nin no prado,
así morra coa carrax,
el non ha de virm'a erguer,
el xa non me pousará.
¡Que tristeza! O vento soa,
canta o grilo ó seu compás...
Ferve o pote... mais, meu caldo,
soíña t'hei de cear.
Cala, rula, os teus arrulos
ganas de morrer me dan;
cala, grilo, que si cantas,
sinto negras soïdás.
O meu homiño perdeuse,
ninguén sabe en onde vai...
Anduriña que pasache
con el as ondas do mar;
anduriña, voa, voa,
ven e dime ond'está.

Rosalía de Castro: Follas Novas.


  COMENTARIO 

Este poema de Rosalía de Castro pertence á súa obra Follas Novas publicada en 1880. Este libro é posterior a Cantares Gallegos, que data de 1863 e marca o inicio da etapa literaria denominada Rexurdimento pleno. Rosalía é a autora máis representativa das nosas letras neste século, tanto pola importancia literaria e cultural das súas obras a nivel da nosa lingua, como pola calidade e transcendencia das mesmas para a literatura universal.

A composición consta de 22 versos, na súa maioría octosílabos con rima asonante nos pares, quedando libres os impares. Sería, polo tanto, un romance. Rosalía bota man neste relato desacougante sobre as consecuencias da emigración de varios recursos para remarcar a sensación de soidade: a repetición da palabra soia (anáforas) ou a presenza de léxico marcado negativamente como “carraxe”, “tristeza”, “negras soidás”, “morrer” que denotan claramente  a situación límite que está a vivir o eu lírico... Á enumeración das tarefas cotiás que ela ha de realizar sen axuda (tecer, sementar, ir por leña...) únese a mención de elementos  simbólicos posuidores dun forte carácter de unidade como son o lar, a intimidade de compartir o leito (”el non ha de virme erguer / el xa non me pousará”) ou o caldo para a cea. Todos estes aspectos son pinceladas sentimentais que incrementan a sensación de desacougo e desprotección experimentada pola muller. A situación de  desesperación  é  claramente evidente na hipérbole (“así morra coa carrax”). Dende o punto de vista lingüístico cómpre destacar a  aparición de  castelanismos como “soia”, “si” ou vulgarismos coma “carrax” e “soidás”. A autora reflicte nos seus poemas o galego falado e coloquial. Tamén cabe remarcar a puntuación do texto: os puntos suspensivos, a exclamación e a interrogación indirecta reforzan a sensación de exposición entrecortada  dominada pola emoción.



                         ( Antonio Taracido García: Muller  tecendo nas dunas)



Dentro do poema, que ten como tema a soidade dunha muller provocada pola emigración, pódense distinguir varias partes claramente diferenciadas; unha proposta de estrutura sería a seguinte: a primeira parte  do verso 1 ata o 8, onde o falante lírico expón a súa situación de soidade; a segunda dende o verso 9 ata o 16, onde aparecen o grilo e a rula como confidentes da súa pena. A terceira parte estaría constituída polos últimos seis versos, onde a emigración fica suxerida como causa da ausencia do seu home e a desesperación ante un incerto futuro. Mención especial merecen a presenza dos únicos interlocutores aos que a muller pode dirixir a súa coita: a rula, o grilo e a andoriña. O sons que emiten os cantos dos animais simbolizan o seu pranto e os seus lamentos. A andoriña, ave que frecuentemente aparece vinculada á liberdade, representa aquí a distancia da travesía polo mar que nos ofrece o dato clarificador da emigración a América como causa da ausencia do home. A chamada desesperada da muller escolle a andoriña como destinataria dunha pregunta retórica  sobre o destino do seu namorado. O eixo central do poema son as consecuencias da emigración e a vivencia das mesmas dende a perspectiva dunha muller que se sente abandonada. Tematicamente  pertence, polo tanto, ao núcleo denominado poesía obxectiva-social.

Como conclusión, dicir que este poema incluído na parte “As viudas dos vivos e as viudas dos mortos” de Follas Novas representa precisamente iso: a historia desesperada dunha viúva dun vivo, unha muller que sente como a soidade se apodera dela e que denuncia de xeito indirecto as circunstancias que provocaron esta situación. Rosalía adopta unha vez máis o punto de vista dunha muller para formular unha denuncia das condicións de vida na Galicia do século XIX que provocan que a emigración sexa a única saída. O tema social actúa como unha especie de fondo do cadro (non exento de importancia, máis ben todo o contrario) dos sentimentos da muller, que constitúen o verdadeiro tema do poema: o sufrimento da emigración.