Amosando publicacións coa etiqueta Promoción de Enlace. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Promoción de Enlace. Amosar todas as publicacións

mércores, 22 de abril de 2020

Luz Pozo Garza



  
O pasado 20 de abril faleceu a escritora Luz Pozo Garza. Nada en 1922, foi integrante da Promoción de Enlace, unha das xeracións poéticas que sufriu a “longa  noite de pedra” da ditadura franquista. 




Entre as súas obras destacan O paxaro na boca,  Concerto de outono, Verbas derradeiras,  Códice Calixtino, Medea en Corinto.... A súa mensaxe,  de raíz existencialista,  fálanos da soidade, o abandono e o desamor sen esquecer a preocupación polo pasado e o futuro de Galicia.


A mellor homenaxe e mostra de recoñecemento a unha escritora é a vixencia e a inmortalidade da súa obra.  No seguinte poema, a referencia ao mito de Medea, símbolo de muller autónoma e inusual, entronca coa reflexión sobre a súa natureza como muller inconformista e contestaria, receptora do legado de Rosalía. 

 Ás veces me pregunto por que eu non son
Como as demais mulleres: amar sen desacougo
Poñer en paz o corazón e a mente
Agardar con paciencia que baixen as augas
Nas crecidas do río
Resignarse á evidencia aceptar os desaires
E rezar en silencio ou chorar entrementres
As bágoas máis amargas enriba da almofada
Sempre ocultando a ira. Sempre con mansedume
Cun sorriso nos labios. Non. Eu non son daquelas
Que cantan ás flores e ás pombas xa o sei
A min mátame a sede. A min fáltame o aire
Levo un cravo moi fondo de amor e de paixón
Nin o podo arrincar que arrincaría a alma
Prendería o lume que me queima por dentro
Eu non son daquelas que cantan ás flores e ás pombas
Das que se resignan ante o desamor
E rezan e consomen bágoas sobre da almofada
Non! Eu son Medea!
                                    Luz Pozo Garza, Medea en Corinto, 2002