luns, 30 de marzo de 2020

"Cando penso que te fuches"

Que é a "negra sombra"?

Velaquí as interpretación do alumnado de 1º de bacharelato sobre un dos poemas máis coñecidos  e controvertidos de Rosalía de Castro: “Cando penso que te fuches”. A versión musicada por Xoán Montes converteuse nunha canción emblemática que nos acompañou como sociedade en momentos complicados da nosa existencia (Prestige, incendios…). A súa transcendencia e recoñecemento a nivel internacional sorpréndenos e énchenos de orgullo como posuidores dunha cultura local á par que universal.
  O símbolo que representa  a negra sombra é un dos misterios máis enigmáticos da nosa literatura, xa que nin críticos nin expertos se poñen de acordo sobre o significado desta.  Podemos analizala como unha entidade ubicua “En todo estás e ti es todo”,  “Cando penso que te fuches (…) tornas facéndome mofa”, relacionada intimamente coa voz lírica “pra min i en min mesma moras”,  e que, ou ben a súa existencia se asocia de maneira inherente co falante lírico ou ben é atemporal “nin me abandonarás nunca”. O seu carácter polisémico provoca que existan diversas hipóteses sobre a natureza desta: a súa orixe como filla de nai solteira e dun crego, o suicidio de Aurelio Aguirre (pretendido amor de xuventude), as penurias económicas, a morte dos seus fillos, a depresión, a conciencia existencial…



A interpretación maioritaria é que a negra sombra é algo negativo, triste, desacougante que provoca desolación, inquietude e que mesmo se pode  relacionar coa morte:
“Pode facer referencia a unha persoa querida que a  morte levou ou a conciencia da propia morte como destino inexorable.”
“A asociación entre o falecemento dunha persoa e a aparición dunha nova estrela no ceo exemplifícase a través dos versos: « i eres a estrela que brila »

Para outros, a simboloxía fai referencia a unha profunda depresión amarrada ao fondo do seu ser:
“Os sentimentos de melancolía e profunda tristura que atopamos na obra rosaliana suxiren que padeceu esta enfermidade nalgún momento da súa vida. Isto tamén se pode manifestar nalgúns dos seus versos, de marcado carácter suicida.”

Outra opción interpretativa vencella o significado cun mal recordo, unha vivencia triste e desafortunada, unha mala acción. A relación con algún trauma sufrido ao longo da vida pola autora é outra das teses máis defendida, para algúns relacionándoo incluso coa incomprensión coa que foi acollida a súa obra por determinados sectores:
“Unha moi mala experiencia ou un trauma persoal  que deixou unha forte pegada e que provocou un sentimento de tristura e desolación que perdura. “
“A negra sombra é un acontecemento negativo que leva asociado a tristura e a soidade.”
“A sombra é algo triste ou malo que permanece nos recordos e que atormenta á voz lírica”

Ao mesmo tempo, é unha composición que nos induce á reflexión e coa que todos nos podemos sentir identificados:
“Os sons do vento e a auga transmítennos tranquilidade que nos axuda a pensar e a reflexionar sobre nós mesmos”
“Cada un de nós temos a nosa propia negra sombra que nos vén á cabeza coa lectura deste poema”     
“A «negra sombra» identifícase  coa desolación persoal de cadaquén, para uns serán os estudos, para outros os problemas persoais...”
“A negra sombra pode ser interpretada como os medos e inseguridades de cada un.”
“Todos podemos ter unha “negra sombra” nun período concreto da nosa vida e algúns incluso arrastrala durante moito tempo.”
“A cor negra representa a inmensa dor que a voz lírica sente”
“ A sombra simboliza o asedio constante “
“O lado escuro das cousas e, por extensión da vida, é o significado da «negra sombra» no poema.”
“Pode ser unha carga de medo e angustia que nos acompaña toda a vida e coa que temos que aprender a convivir.”
“O que é seguro e que cada un de nós agocha un segredo escuro. Cada luz ten a súa sombra.”
                                                    Alumnado de 1º Bacharelato