O 19 de outubro celébrase o Día das Escritoras. A nosa escritora máis universal non foi allea á problemática que ao longo da historia sufriron moitas mulleres que se dedicaron á creación literaria.
Cando Rosalía de Castro comeza a escribir, máis do 90% das mulleres galegas eran analfabetas. Ela sente que a situación de desigualdade ten que ser denunciada e que é preciso un cambio na sociedade. Rosalía, como persoa culta e concienciada que é, decátase de que no ámbito da creación literaria están presentes moitos e variados prexuízos e estereotipos asociados ás mulleres que pretenden dedicarse á escritura.
En 1865, tres anos de que vise a luz Cantares gallegos, a autora publica un ensaio en forma de carta onde reflexiona de xeito crítico sobre a problemática da muller escritora. O texto, que leva por título “ Las literatas. Carta a Eduarda”, recolle os consellos que unha tal Nicanora lle ofrece á súa amiga Eduarda recomendándolle que abandone o seu afán de escribir pola baixa consideración social que implica. A marxinación das mulleres literatas vén da idea de que unha muller ten que servir para contentar o home. A muller intelectual non pode satisfacer esta demanda porque ao dedicarse á escritura descoida as súas obrigacións domésticas, que son a súa principal responsabilidade. Tamén se aborda a problemática da muller lectora que non ten libre acceso á cultura ou ás bibliotecas. O ton irónico sérvelle a Rosalía para denunciar a incomprensión da sociedade a desigualdade de oportunidades que teñen que sufrir as mulleres.
A autora, afortunadamente, non seguiu os consellos que puxo en boca do personaxe do seu artigo e fixo súa a voz de moitas mulleres galegas a través das súas obras. Así o fixo en Follas novas (1880) , onde podemos atopar poemas como “A xustiza pola man“ou “Tecín soia a mina tea” que responden á súa intención recollida no prólogo:
O que me conmoveu sempre, e polo tanto non podía deixar de ter un eco na miña poesía, foron as innumerables coitas das nosas mulleres.